Pasar al contenido principal

Abre o prazo para presentar creacións orixinais ao Concurso literario Mazarelos que convoca Filoloxía

Os textos a concurso deberán ser orixinais e inéditos. FOTO: Pixabay
Os textos a concurso deberán ser orixinais e inéditos. FOTO: Pixabay
Admítense obras de calquera xénero, desde narrativa a poesía, teatro ou ensaio, e o límite máximo dos textos que se envíen a este certame é de 8.000 palabras

Co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía convoca un ano máis o Concurso literario Mazarelos, nome que lembra e homenaxea as raíces da Facultade, e mesmo da Universidade e da propia Compostela. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 30 de setembro e poderá participar no exame o alumnado de grao, mestrado e doutoramento que estea matriculado en calquera titulación da USC, así como persoal investigador contratado na USC con cargo a proxectos de I+D ou programas posdoutorais, en calquera momento do ano 2024 anterior á finalización do prazo de presentación.

Admítense obras de calquera xénero literario (narrativa, poesía, teatro, ensaio...) e de calquera tema (incluída a temática científica); a súa valoración basearase na calidade literaria. Os textos deberán ser orixinais, escritos en lingua galega en calquera norma ortográfica, inéditos e non premiados noutros concursos, e non poderán presentarse a outros concursos durante o período desta convocatoria ata que se publique a decisión do xurado. O límite máximo dos textos é de 8.000 palabras e non hai límite mínimo.

Presentación de libro

O luns 22 de abril ás 12.00 horas presentouse na entrada da facultade de Filoloxía o libro editado coas obras premiadas na última edición do Concurso literario Mazarelos, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística do centro. Abel Lorenzo-Rodríguez co poemario Os sucesos e Gael Uxío Proupín Cantelar co relato Quen matou a González Vallés foron os gañadores ex aequo da novena edición do Concurso literario Mazarelos, desenvolvido en 2023.

Gael Uxío Proupín Cantelar xa gañara a edición de 2022 do certame, co relato titulado Pater familias. En anteriores edicións obtiveron premios no certame autoras e autores que posteriormente continuaron a súa carreira creativa coa publicación de obras literarias, como é o caso de Arancha Nogueira, que obtivo o primeiro premio en 2017 e 2018 ou de Lois Alcaide, que obtivo o segundo en 2018.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.05.2024.