Pasar al contenido principal

Unha feira virtual promoverá a empregabilidade do estudantado da USC os días 24 e 25 de abril

Detalle da páxina de acollida da Feira Virtual de Emprego da USC
Detalle da páxina de acollida da Feira Virtual de Emprego da USC
Este evento en liña diríxese tamén a persoas tituladas pola institución compostelá e permitirá, previo rexistro, o acceso a ofertas de traballo, charlas e foros para aclarar dúbidas

A Feira Virtual de Emprego da USC desenvolverase do mércores 24 ao xoves 25 de abril coa vontade de que as persoas usuarias accedan a empresas con ofertas de traballo, charlas de interese en materia de empregabilidade e chats para aclarar dúbidas. As persoas interesadas xa poden rexistrarse na plataforma habilitada para acoller a Feira e deixar os seus datos xunto cun currículo en formato PDF. O evento diríxese tanto a estudantado da USC como a persoas xa tituladas pola institución compostelá.

A Feira abrirá o 24 de abril ás 08.00 horas e pechará un día despois, ás 20.00 horas. Ao longo das dúas xornadas as persoas rexistradas poderán presentar o seu currículo a ofertas de emprego, asistir ás charlas ofertadas na sección ‘Axenda de Conferencias’ con inscrición previa, chatear coas empresas e co persoal da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, ou acceder a múltiple información das entidades participantes (vídeos, ligazóns ou redes sociais, entre outras).

Na lapela de expositores, verase unha listaxe dos que están conectados e facendo clic en calquera deles, poderán atoparse as persoas representantes desa entidade que están en liña e poden chatear tanto polo chat público como polo privado. As persoas usuarias poden ter varias conversacións ao mesmo tempo, compartir documentos e mesmo solicitarlles unha videochamada a través do videochat integrado da plataforma, explican dende a organización da Feira.

Unha vez rematado o evento, aínda que non estará dispoñible o chat, seguirá aberto o acceso ás ofertas de traballo, así como a presentación do currículo ata o domingo 28 de abril. As dúbidas sobre a Feira poden dirixirse ao correo electrónico da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC: orientacion.laboral [at] usc.gal (orientacion[dot]laboral[at]usc[dot]gal)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.04.2024.