Pasar al contenido principal

Elias Feijó: “Queremos continuar traballando para fomentar o sentido de pertenza á Facultade e á USC”

Elias J. Feijó Torres foi reelixido decano en febreiro
Elias J. Feijó Torres foi reelixido decano en febreiro
O catedrático tomou posesión do seu cargo como decano de Filoloxía tras resultar reelixido en febreiro e afrontando a tarefa da conmemoración dos 50 anos do centro o vindeiro curso

“Ben lonxe da insuficiencia dos manuais de calidade, a necesaria calidade de vida é isto: a innovación docente, a audacia investigadora, a eficaz transferencia, a participación estudantil, os proxectos colaborativos, as salas de encontros, un permanente ollar de inclusión, diálogo e construción desde diversos ángulos, converxer, compartir, coidar, ser coidadas e coidados. A excelencia é iso, non cousas menos consistentes e efémeras”. Así reivindicaba este venres o esencial labor da Facultade de Filoloxía e da propia USC o catedrático Elias J. Feijó Torres na súa toma de posesión como decano do centro, tras ser reelixido en febreiro. Nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e no que tamén interveu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, Feijó asegurou que “queremos continuar traballando para fomentar o sentido de pertenza” á Facultade e á Universidade.

Durante a súa intervención, o reitor Antonio López coincidiu na idea de abrir o espazo universitario á súa contorna máis próxima e lembrou como o novo marco normativo segue pedindo que xunto coas tradicionais funcións atribuídas á Universidade, no relativo á docencia e investigación, insiste de xeito especial na transferencia, para que “o coñecemento sexa útil e permita liderar e acompañar os grandes cambios que a sociedade actual afronta”, sinalou. Antonio López destacou que nos atopamos en período de mudanzas e cambios que abren a porta a un debate sobre o modelos que pretende adoptar cada universidade. Nesa liña, lembrou que a COVID-19 deixou a experiencia do traballo baseado en modelos colaborativos e por tanto “na cultura da colaboración” que axudará á toma das decisións máis oportunas para conseguir unha universidade conectada coas necesidades da sociedade.

O equipo decanal complétase coas vicedecanas Rosalía Meitín, Laurence Malingret e Alejandra Ulla, así como polo secretario Eduardo Moscoso. Feijó puxo en valor o seu traballo e o do conxunto do profesorado da Facultade, e subliñou que nela teñen a sede “23 grupos de investigación que, na súa potencia e acción, manifestan unha facultade robusta, avanzada no coñecemento e na definición de obxectivos e obxectos, dedicada a ir sempre máis lonxe na súa produción de coñecemento e desenvolvemento social”. Así mesmo, amosou o seu desexo de que a Facultade se converta “nun lugar, como espazo ocupado, confortábel e relacional”, no que se acade o benestar das persoas. E non esqueceu o estudantado, do que salientou “compromiso, lealdade e responsabilidade”.

A conmemoración dos 50 anos da Facultade “terá o seu desenvolvemento no próximo ano académico 2024-2025”, explicou o decano, e lembrou que “tivo un feliz inicio na reunión de ex decanas e ex decanos do pasado mes” e “debe constituír a concretización” dos proxectos anunciados na súa toma de posesión, entre eles “o desenvolvemento dos estudos ibéricos e o fortalecemento das relación co mundo de lingua portuguesa e Latinoamérica”. Segundo afirmou, “asumimos esa conmemoración como unha esixencia de mostrar a nosa utilidade, valor e proposta nos ámbitos da docencia e da investigación, na transferencia  e na difusión do coñecemento”.

Currículo

O catedrático Elias J. Feijó Torres dirixe o grupo de investigación GALABRA, nos sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africano en lingua portuguesa; e coordina a Rede Galabra. Premio Extraordinario de Doutoramento en 1996, cunha tese sobre as relacións literarias e culturais de Galicia e Portugal, a traxectoria do profesor Feijó céntrase na docencia de literaturas e culturas de lingua portuguesa, sendo especialista en teoría e análise da cultura, relacións entre narrativas, comunidades e territorios e transferencia de coñecemento.

Foi vicerreitor da USC entre os anos 2006 e 2009; presidente da Associação Internacional de Lusitanistas (2008-2014) e, nese período, director da  revista Veredas. Ten sido profesor visitante nas Universidades do Minho, Federal de Rio Grande do Sul, Nova de Lisboa, Oxford e Brown, así como investigador principal de nove proxectos competitivos e de diversos contratos de investigación, tamén dirixiu trece teses de doutoramento. Autor de múltiples monografías, impulsa igualmente movementos asociativos e de voluntariado. En 2020, foi elixido decano de Filoloxía.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.04.2024.