Pasar al contenido principal

Unha exposición exhibe curiosidades da Biblioteca Universitaria no Colexio de Fonseca

Panorámica da exposición que poderemos ver no Claustro Alto de Fonseca do día 24 ao día 26 deste mes de abril. Foto: BUSC
Panorámica da exposición que poderemos ver no Claustro Alto de Fonseca do día 24 ao día 26 deste mes de abril. Foto: BUSC
De xeito paralelo, este mércores 26 celebrarase unha serie de visitas guiadas ás instalacións da biblioteca abertas á comunidade universitaria

‘Curiosidades da BUSC’ é unha iniciativa coa que a Biblioteca Xeral mostra, ao fío do Día do Libro, algunhas das curiosidades da súa colección en forma de pequena exposición bibliográfica. Poderá visitarse no claustro alto do Colexio de Fonseca dende este luns 24 ata o mércores 26.

Entre os documentos, exhíbense varios libros doados á Biblioteca América con curiosas dedicatorias ou unha carta manuscrita do seu creador, Gumersindo Busto. Tamén se mostrarán dous documentos cartográficos de gran valor bibliográfico: un mapa e unha descrición de Galicia de 1609, así como un plano manuscrito en cor de 1831 do que agora é o Parque da Alameda de Santiago.

Completan a exposición un documento coas palabras de Gonzalo Torrente Ballester recalcando a significación da Biblioteca da USC na súa formación, obxectos curiosos esquecidos en libros, unha homenaxe ao que fora o director da Biblioteca Universitaria José Mª de Bustamante, unha prancha de imprimir e a páxina do libro impreso con ela ou, finalmente, unha mostra do que significou a censura con gravados da edición de Virgilio de 1502 tachando “o que non debía ser visto”.

Visitas guiadas
Como en anos pasados, a Biblioteca Xeral organiza visitas guiadas ás súas instalacións incluíndo un percorrido pola exposición. As visitas celebraranse o 26 de abril en diferentes quendas: 10.30, 12.30, 16.30 e 18.30 horas. Para poder participar nesta xornada dirixida á comunidade universitaria, as persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a bxinfor [at] usc.es (bxinfor[at]usc[dot]es) indicando no asunto ‘Xornada de portas abertas’, o nome e apelidos, enderezo electrónico e quenda escollida. Quen asista recibirá un pequeno agasallo conmemorativo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.04.2017.