Pasar al contenido principal

A Conferencia EUCHEMSIL reúne en Santiago 150 especialistas en sales fundidos e líquidos iónicos

Foto de grupo dos participantes na 29 EUCHEMSIL recibidos en Fonseca pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo
Foto de grupo dos participantes na 29 EUCHEMSIL recibidos en Fonseca pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo
É a primeira vez que este relevante evento científico se celebra en España

A 29 Conferencia EUCHEM sobre sales fundidas e líquidos iónicos (EUCHEMSIL 2024) desenvólvese esta semana en Santiago, sendo esta a primeira vez que ten lugar en España. A reunión, promovida pola Sociedade Europea de Química, está co patrocinada pola Sociedade Europea de Materia Iónica e a Universidade de Santiago, cun comité organizador local formado por membros da súa Facultade de Física e presidido polo catedrático da USC Luis Miguel Varela Cabo.

A 29th EUCHEMSIL deu comezo este martes na Facultade de Química coa participación de máis de 150 expertos de universidades e centros de investigación procedentes de 25 países que ao longo destes catro días presentarán as súas achegas no relevante e en constante evolución campo dos medios iónicos. Previo á xuntanza puramente científica, as persoas participantes foron recibidas este luns no Colexio de Fonseca pola Vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo.

O encontro en Compostela é a continuación dunha serie de reunións de grande éxito que comezaron en Noruega en 1966 e cuxo obxectivo é abarcar os aspectos fundamentais, a investigación aplicada e as aplicacións industriais dos líquidos iónicos e os sales fundidos, fomentando as sinerxías entre ambas comunidades investigadoras.

O extenso programa do encontro científico, cuxas contribucións se publicarán como edicións especiais no Journal of Molecular Liquids e en Frontiers in Chemistry, abarca dende conferencias de relatores de alto impacto da comunidade académica internacional ata numerosas presentacións orais e pósteres. Ademais, e por vez primeira, incluirá unha mesa redonda especial sobre as aplicacións enerxéticas e industriais das sales fundidas.

Entre outras, trataranse cuestións relacionadas coas tecnoloxías emerxentes e a explotación comercial de procesos novidosos con sales de baixo punto de fusión, os nanosistemas destas sales, as aplicacións medioambientais dos medios iónicos ou as novas estratexias de separación baseadas en líquidos iónicos, incluídas a extracción, a recuperación e o reciclado.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2024.