Pasar al contenido principal

A USC será a sede do primeiro congreso internacional sobre feminismos e humor

Detalle do cartaz do encontro
Detalle do cartaz do encontro
‘HumorSofías’ desenvolverase en Filoloxía os días 7 e 8 de maio con inscrición gratuíta

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.

A humorista, escritora e activista ecuatoguineana Asaari Bibang será quen, logo da inauguración polas autoridades, abra o encontro o día 7 nunha sesión matinal na que tamén se desenvolverá a mesa de comunicacións ‘De cómicas e comedias’ coa participación de expertas internacionais.

Esa mesma tarde, a profesora da Universidade de Vigo Sabela Fraga impartirá a conferencia ‘O dobre movemento do humor nas artes’, á que lle seguirá unha nova mesa de comunicacións titulada ‘Resistencias humorísticas’. Rematará a xornada coa conversadeira Baia Fernández con ‘Ai que risa, Marisa!: Humor para cousas que non teñen graza’.

Programa do día 8
A profesora do Trinity College de Dublín Catherine Barbour abrirá a xornada do día 8 coa conferencia ‘Killjoys’ divertidas: Humor e vinganza no audiovisual galego feminista’. A continuación desenvolveranse novas mesas de comunicacións sobre o humor en imaxes e sobre risas dixitais, coa participación de numerosas persoas especialistas en feminismos e humor de universidades galegas e do ámbito internacional.

O encontro rematará cunha charla a modo de conclusión coas catro profesoras organizadoras do evento científico: as docentes da USC Yolanda Martínez Suárez e Marta Pérez Pereiro; Laura Lesta García, do Middlebury College; e Saleta de Salvador Agra, da Complutense de Madrid. Como broche final, as persoas participantes poderán asistir no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación á función teatral ‘Té con Kant’ a cargo de Inversa Teatro.

 

Cartaz do encontro
Cartaz do encontro
Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2024.