Pasar al contenido principal

A USC suma o CRETUS á Rede galega de Centros de Investigación de Excelencia e renova a acreditación dos catro que xa tiña

Laboratorio do CiMUS. Foto: Santi Alvite
Laboratorio do CiMUS. Foto: Santi Alvite
A institución compostelá ten deste xeito a metade dos centros de excelencia da rede galega

Cinco centros da USC conforman a Rede de Centros de Investigación de Excelencia de Galicia, logo de que o Consello da Xunta acordara a incorporación do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Os outros catro que xa integraban esta rede e que veñen de renovar a acreditación son o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Ademais, a administración autonómica tamén lle outorgou a categoría de centro colaborador ao Economics and Business
Administration for Society (Ecobas), centro interuniversitario no que tamén participa a USC.

Para optaren a esta acreditación, os centros deben cumprir diversos requisitos, como ter financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e superar o procedemento de avaliación final; obter unha axuda no programa estatal de centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e outros referidos á súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria.

A acreditación da excelencia dos centros realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo con base en tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

De acordo con estes criterios, e no referido á USC, o financiamento para cada un dos centros é o seguinte: ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) correspóndenlle 3.006.666,67 euros; ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) 2.918.666,67; ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) 2.786.666,67; ao Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) 2.434.666,67; e, finalmente, ao Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), 1.598.666,67 euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2024.