Pasar al contenido principal

O proxecto InterDixitais’24 da USC remata con sesións interxeracionais de testeo de tecnoloxías en Santiago e Lugo

O proxecto pretende promover un estilo de vida activo e participativo das persoas maiores
O proxecto pretende promover un estilo de vida activo e participativo das persoas maiores
É un proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) co que se pretende promover un estilo de vida activo e participativo das persoas maiores e combater o idadismo

A terceira edición do proxecto Interdixitais ‘Desenvolvemento de Competencias Dixitais Interxeracionais en Ciencias da Educación, do Comportamento e da Saúde’ desenvolverá a vindeira semana as súas últimas sesións nos campus de Santiago e Lugo.

INTERDIXITAIS’24 é un proxecto da VIII Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo da USC, na modalidade de proxectos en consolidación, na que participa alumnado dos graos en Pedagoxía, Enfermaría e Psicoloxía do Campus de Santiago e do grao de Robótica no Campus de Lugo, en colaboración con Asdegal, AGADEA e Cruz Vermella.

As súas últimas sesións, de testeo de tecnoloxías, terán lugar o luns 6 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago  e o mércores 9 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, coa colaboración da Fundación de Tecnologías Sociales (TECSOS).

Seguindo a Guía de Validación Social da Tecnoloxía de TECSOS,  empregarase unha metodoloxía baseada na experiencia para probas de validación de tecnoloxías. O estudantado da USC preparará un informe de validación social coas aprendizaxes obtidas a partir do uso interxeracional das tecnoloxías cos usuarios do CSC Maruxa e Coralia do Concello de Santiago de Compostela e de Cruz Vermella Lugo.

A ApS é unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. No caso de INTERDIXITAIS, quérese promover as competencias dixitais entre as persoas maiores, así como un estilo de vida activo e participativo. O proxecto tamén aspira a contribuír ao enriquecemento do tecido social comunitario; a traballar aspectos relacionados coa saúde dixital; previr o idadismo e promover unha perspectiva do ciclo vital que permita entender e despatoloxizar os cambios ao longo da adultez e da vellez; así como promover o desenvolvemento da pedagoxía xerontolóxica e da enfermaría xeriátrica a través da sensibilización do alumnado das facultades.

David Facal, Lucía Pérez , Carmen Gutiérrez, Julia Diz, Manuel Gandoy, Nuria Couceiro, Arturo X. Pereiro, Arora Sonali e Sonia María Valladares son os docentes involucrados neste proxecto, que nace logo doutras dúas experiencias de ApS interxeracionais previas

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2024.