A Cátedra do Camiño estrea a base de datos Rede Xacobea para facilitar o contacto entre as persoas que investigan sobre as rutas a Santiago
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de publicar en aberto a base de datos colaborativa Rede Xacobea, resultado dun dos proxectos de investigación que convoca periodicamente e dos financia o seu desenvolvemento, neste caso concedido á profesora Paula Pita Galán, doutora en Historia da Arte pola USC e na actualidade profesora na Universidade de Granada.
Rede Xacobea consiste nunha base de datos académicos, científicos e didácticos do Camiño de Santiago que xunta a información procedentes de catro bases de datos sobre investigadoras e investigadores vivos, institucións, actividades académicas e revistas dedicadas ao estudo do mundo xacobeo e as peregrinacións a Compostela.
O principal obxectivo do proxecto é fomentar o contacto, o traballo e mais adquisición de recursos científicos e didácticos para persoas dedicadas á investigación e divulgación e docentes. Deste xeito, facilitando a comunicación entre axentes que de maneira independente están a desenvolver estudos xacobeos, créase unha rede xacobea mundial a partir da cal establecer sinerxías e revitalizar os estudos sobre o Camiño de Santiago.
Poderíase así incentivar a organización de actividades académicas, a realización de proxectos de investigación, congresos e encontros internacionais; impulsar publicacións científicas e de divulgación e mellorar a actividade docente. Deste xeito, Rede Xacobea pretende converterse nun referente tanto para persoas investigadoras como para particulares e empresas interesadas no Camiño de Santiago.
O formato wiki da Rede Xacobea permítelle a calquera persoa interesada engadir información ás bases de datos, creando novas entradas, ou actualizar información preexistente. A veracidade da información e a pertinencia das novas entradas serán supervisadas pola autora das bases de datos, Paula Pita Galán, e pola Cátedra, garantindo así a calidade dos contidos. No apartado dedicado a persoas investigadoras xa hai arredor de 300 entradas, no de actividades académicas contabilízanse 11 regulares como simposios e congresos, os centros de estudos xacobeos inventariados son 15 e as revistas académicas son en total 57.
Paula Pita está a colaborar tamén no proxecto sobre Georgiana Goddard King concedido en 2021 pola Axencia Estatal de Investigación a un equipo de investigación da USC integrado por Miguel Taín Guzmán e Patricia Viviana Fra López como investigadores principais, e completado por María del Mar Llinares García e Xosé Manuel Santos Solla. O equipo de traballo está formado por Miguel Ángel Cajigal Vera, George Greenia, Francisco Javier Novo Sánchez, Paula Pita Galán e Manuel Rodríguez Fernández.