Pasar al contenido principal

O Día de Europa serve de reflexión sobre os desafíos para a próxima lexislatura do Parlamento Europeo

Público asistente á conferencia
Público asistente á conferencia
A conferencia ‘Está a UE en risco mortal? Desafíos actuais e futuros para a próxima lexislatura do Parlamento Europeo’ foi impartida pola profesora da Complutense Mercedes Guinea

“Está a Unión Europea en risco mortal?” Parafraseando unha cita do presidente francés Emmanuel Macron, a profesora de Relacións Internacionais da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Guinea, comezaba así a conferencia organizada este luns polo Centro de Estudos e Documentación Europeos (CEDE) e a Oficina EUniWell da USC.

Esta iniciativa, nada para conmemorar o Día de Europa, busca fomentar “a reflexión sobre a integración da UE e os escenarios futuros” ante as inminentes eleccións europeas do mes de xuño, destaca Carlos Teijo García, director do CEDE.

Mercedes Guinea, experta académica no modelo político e na política exterior da UE, puxo o foco nos cambios acontecidos en Europa ao longo dos últimos anos, destacando como unha das principais preocupacións “a falta de debate público, a pesar das ensinanzas que debiamos sacar do Brexit”.  Guinea salientou tamén o “entorno difícil de crise” que atravesa Europa e a necesidade de que a cidadanía sexa consciente da responsabilidade que ten co seu voto de cara a próxima lexislatura do Parlamento Europeo.

Outras actividades polo Día De Europa
A Oficina EUniWell da USC lanzará mañá martes 7 de maio un muro dixital sobre a unidade europea. Estará dispoñible nas historias (stories) do perfil de Instagram da Oficina de Proxección Internacional (@usc.internacional). As persoas interesadas poderán compartir as súas reflexións na caixa habilitada durante 24 horas. As respostas serán publicadas o xoves día 9 de maio, o propio Día de Europa.

 

Carlos Teijo e Mercedes Guinea,antes de comezar a conferencia
Carlos Teijo e Mercedes Guinea,antes de comezar a conferencia
Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2024.