Pasar al contenido principal

Investigación e empregabilidade consolidan a posición da USC na clasificación do Center for World University Rankings

A investigación é un dos ámbitos nos que destaca a USC. FOTO: Santi Alvite
A investigación é un dos ámbitos nos que destaca a USC. FOTO: Santi Alvite
A institución universitaria mantense un ano máis entre as mellores do mundo de acordo con esta clasificación e sitúase no chanzo 12 a nivel estatal
Lugo, Santiago de Compostela

O Center for World University Rankings (CWUR) mantén a USC entre as 500 mellores universidades do mundo ao situala na posición 496, logo da análise de 20966 institucións avaliadas e clasificadas segundo o seu desempeño académico. O rendemento investigador e a empregabilidade son os dous aspectos mellor valorados da USC, na posición décimo segunda de entre as institucións españolas recollidas nesta clasificación. Ademais, a institución compostelá ocupa o chanzo 196 no apartado relativo a universidades europeas.

A metodoloxía empregada por CWUR parte dunha serie de indicadores estruturados en catro ámbitos. Por unha banda, a calidade da educación mídese a través do número de alumnos e alumnas que obtiveron distincións académicas en relación ao tamaño da institución. Este ítem conforma o 25% da puntuación final no ránking. O estudantado que obtivo postos executivos de relevancia nas máis importantes compañías do mundo é o indicador que CWUR toma en consideración á hora de abordar o nivel da empregabilidade e que ten un peso do 25% no cómputo global da clasificación.

O persoal docente e investigador que teña obtido distincións académicas serve para medir a calidade dos centros cun peso do 10% no conxunto da puntuación final. Finalmente, no indicador relativo á investigación científica, CWUR analiza o número total de artigos publicados (10%), o número de artigos publicados en revistas de primeiro nivel (10%), o número de artigos publicados en revistas de gran influencia (10%), así como o número de artigos máis citados (10%). Os datos obtéñense a través da información subministrada polas propias universidades, así como a través de sondaxes.

O CWUR é unha organización que ofrece asesoramento sobre políticas, información estratéxica e servizos de consultaría a gobernos e universidades para mellorar os resultados educativos e de investigación. CWUR publica clasificacións universitarias globais autorizadas, recoñecidas pola súa obxectividade, transparencia e coherencia, nas que confían estudantes, académicos, xestores de universidades e gobernos de todo o mundo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.05.2024.