Pasar al contenido principal

O CiQUS oferta 15 estadías remuneradas de ata 1 mes de duración para desenvolver un proxecto de iniciación á investigación nun dos seus laboratorios

Imaxe dun laboratorio do CiQUS. Foto: Santi Alvite
Imaxe dun laboratorio do CiQUS. Foto: Santi Alvite
O prazo para presentar as solicitudes remata o 22 de maio

O CiQUS convoca a novena edición do seu programa de bolsas de verán ‘CiQUS Summer Fellowships’, con 15 bolsas dirixidas a estudantes de grao con experiencia en química ou estudos relacionados para realizar prácticas formativas de iniciación á investigación da man de equipos científicos de excelencia e nunhas instalacións de primeiro nivel.

Do 1 ao 31 de xullo, os estudantes beneficiarios das bolsas de verán do CiQUS aprenderán como utilizar modernos equipos e instrumentación sofisticada, traballando e vivindo nun ambiente estimulante de investigación na vangarda da química. Tamén terán a oportunidade de participar nas actividades científicas do CiQUS, incluíndo os seminarios internos e o Programa de Conferencias impartido por investigadores/as internacionais.

As persoas candidatas deberán ter superado o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Química ou titulacións relacionadas (bioloxía, bioquímica, farmacia, física, etc), cunha nota media igual ou superior a 8,0.

As bolsas terán unha contía de 750 € brutos máis unha axuda para o estudantado non residente en Santiago de Compostela destinada á financiación dos custos de locomoción, cun  importe máximo de 250 € para estudantes de fóra de Galicia e ata 80 € para estudantes residentes noutros concellos de Galicia.

Solicitudes
As persoas interesadas remitirán a documentación requerida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible en https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/InvestigacionBolsasVeran.htm dirixido á Subárea de Convocatorias e de RRHH da Área de Xestión da Investigación, antes do día 22 de maio de 2024 ás 23:59 h (CEST).

 

Cartaz da convocatoria
Cartaz da convocatoria
Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.05.2024.