Pasar al contenido principal

O equipo de Sensoxenoma estende o seu estudo sobre o impacto terapéutico da música dende Galicia ao norte de Portugal

Imaxe de arquivo dun dos concertos de Sensoxenoma. FOTO: Real Filharmonía de Galicia
Imaxe de arquivo dun dos concertos de Sensoxenoma. FOTO: Real Filharmonía de Galicia
A través do proxecto EUTERPE_adn que acaba de recibir un millón de euros de financiamento, o grupo liderado por Antonio Salas, Federico Martinón e Laura Navarro analizará o influxo que as composicións musicais poden chegar a ter nas enfermidades neuropsicomotoras e no envellecemento
Santiago de Compostela

Chegar a comprender a relación molecular que existe entre os xenes e os estímulos externos é a base sobre a que se asenta o proxecto EUTERPE_adn, ‘Rede transfronteiriza para o estudo da música como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento: unha aproximación dende a expresión xenética e a neuropsicoloxía’. O consorcio liderado pola USC e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que acaba de recibir un millón de euros de  financiamento a través do programa Interreg POCTEP —unha iniciativa de cooperación entre España e Portugal apoiada pola UE—, ten como obxectivo principal explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores e nas que presentan deterioro cognitivo e dano cerebral.

EUTERPE_adn é unha prolongación de Sensoxenoma, o proxecto —impulsado dende GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenViP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas)—, está integrado por medio cento de investigadores/as e liderado polo catedrático da USC Antonio Salas Ellacuriaga e polo profesor Federico Martinón Torres. Nos anos 2022 e 2023, o equipo organizou unha serie de concertos experimentais en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e coa participación de centos de doantes e asociacións de pacientes como SARELA, COGAMI, AGADEA, SARAIVA, ASPANAES, ASPERGA, ONCE, Asociación de Persoas Xordas de Galicia, ou Down Compostela, entre outras.

A bagaxe adquirida en Sensoxenoma ascende agora un novo chanzo a través do financiamento outorgado a este equipo investigador a través de EUTERPE_adn, proxecto no que se levarán a cabo estudos detallados e exhaustivos que poderían cambiar a forma en que se aborda a terapia musical e o seu impacto na saúde. Segundo o profesor Antonio salas, “durante os últimos dous anos, logramos avances incribles que superan todas as expectativas: capturamos o sinal xenómico en resposta ao estímulo musical; demostramos que os pacientes con deterioro cognitivo mostran unha resposta máis intensa; e observamos unha expresión compensatoria dos xenes nestes pacientes en comparación coa enfermidade de Alzheimer”.

EUTERPE_adn, acrónimo que fai referencia tanto á musa grega da música como á xenética, acometerá desafíos comúns para Galicia e o Norte de Portugal como é o caso do envellecemento, o despoboamento e a exclusión social. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores. En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical.

Colaboracións

A Casa da Música do Porto e a Asociación Músicos ao Vivo súmanse ao proxecto xunto co traballo coordinado de asociacións de pacientes como a Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA), a Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer (AGADEA), a Santa Casa da Misericordia de Porto, e a Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzheimer. “EUTERPE representa unha importante lombeirada á nosa aposta científica Sensoxenoma, un proxecto na fronteira do coñecemento que busca entender a relación molecular que existe entre os nosos xenes e algo tan trivial e cotián como os estímulos externos e as emocións.” Na mesma liña exprésase o profesor Martinón ao destacar que “os recursos acaban chegando cando as ideas son boas, pero sen a colaboración altruísta e o tesón durante estes anos do equipo de investigación, a Real Filharmonía de Galicia, as asociacións de pacientes e outros axentes sociais, nunca tería sido posible”.

Este proxecto innovador non só busca fomentar a interacción social e a medicina personalizada a través da terapia musical non farmacolóxica, senón que tamén representa un esforzo pioneiro para abordar desafíos sociais mediante a xenómica e a neuro-psicoloxía xuntas. Segundo a coordinadora do proxecto, Laura Navarro, “este estudo lonxitudinal de máis de 60 sesións e con cinco recollidas de mostras biolóxicas e avaliacións neuropsicolóxicas, vai marcar un antes e un despois no que ata o de agora coñecemos sobre o poder da música”.

Cun enfoque interdisciplinario e unha dotación financeira significativa, EUTERPE_adn perfílase como un proxecto pioneiro que promete transformar a forma en que se abordan as enfermidades neuro-psicomotoras e o envellecemento en Galicia. Ademais, o profesor Salas aclara que “por primeira vez, realizaranse estudos lonxitudinais no marco de Sensoxenoma, incluíndo un ensaio clínico aleatorio”. Este enfoque permitirá investigar o impacto dos estímulos a longo prazo e profundar nas bases moleculares que sustentan os beneficios da música no ámbito da saúde e a enfermidade. Os achados poderían ser relevantes para outros grupos vulnerables cos que o equipo tamén está a traballar.

Federico Martinón e Antonio Salas. FOTO: Santi Alvite
Federico Martinón e Antonio Salas. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2024.