Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago e a SOCIMI xestionada por Bestinver alcanzan un acordo de colaboración

Antonio López e Enrique Sánchez-Rey. Foto: Santi Alvite
Antonio López e Enrique Sánchez-Rey. Foto: Santi Alvite
Implica a coordinación entre ambas institucións para dar resposta á demanda de aloxamento por parte da poboación universitaria

BESTINVER Activos Inmobiliarios e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de alcanzar un acordo de colaboración que implicará a coordinación entre ambas institucións para dar resposta á crecente demanda de aloxamento por parte da poboación universitaria. O acordo, asinado este xoves no Colexio de San Xerome, chega despois de que a SOCIMI Smart Living Properties, xestionada por Bestinver Activos Inmobiliarios, adquirise en 2023 o Hospital Xeral de Galicia en Santiago de Compostela.

O activo será agora transformado nunha residencia de estudantes de nova xeración, unha tipoloxía de aloxamento ata agora inexistente na capital galega. Agárdase que a residencia poida comezar a operar a partir do terceiro trimestre de 2025.  

O reitor da USC, Antonio López, destaca que “este acordo de colaboración supón un paso máis no traballo que facemos desde a institución por implicar o sector privado en dar resposta ao problema de habitabilidade que sofre o noso estudantado en Santiago”.
 
Pola súa banda, para o director de investimentos de Bestinver Activos Inmobiliarios, Enrique Sánchez-Rey, “é unha honra ter alcanzado este acordo coa USC, institución de referencia no ámbito académico”. “Cremos que esta alianza achegará a residencia aínda máis ás necesidades específicas da comunidade universitaria, condición esencial da nosa proposta de valor no proxecto”, engade.  

Smart Living
Smart Living Properties é unha SOCIMI especializada en novos formatos de aloxamento adaptados ás novas necesidades e estilos de vida, especialmente ante os cambios estruturais que vive a sociedade. Conta cun tamaño de 150 millóns de euros e inviste ao largo de todo o espectro ‘living’ en España.

O vehículo conta cunha alianza con SmartRental Group, compañía especializada na xestión de activos nos sectores hoteleiro e residencial alternativo, cunha experiencia de máis de dez anos no sector e máis de 3.000 camas baixo xestión, que colaborará no reposicionamento e explotación operativa dos activos de Smart Living Properties.

 

O acordo asinouse no Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
O acordo asinouse no Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2024.