Pasar al contenido principal

O estudo ‘Impacto da tecnoloxía na adolescencia’, dirixido pola USC para UNICEF, faise cun premio da Asociación de Usuarios de Internet

A práctica totalidade dos adolescentes que cursan ESO (94,8%) dispón de teléfono móbil con conexión a Internet. Foto: Santi Alvite
A práctica totalidade dos adolescentes que cursan ESO (94,8%) dispón de teléfono móbil con conexión a Internet. Foto: Santi Alvite
O traballo, realizado entre a Facultade de Psicoloxía baixo a dirección do profesor Rial Boubeta, o Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría Informática e UNICEF, gaño una categoría de Investigación e emprendemento da área de saúde

No marco das actividades do Día de Internet, a Asociación de Usuarios de Internet decidiu o pasado venres conceder o premio ao mellor traballo na categoría de Investigación e emprendemento da área de Saúde ao informe ‘Impacto da tecnoloxía na adolescencia: relacións, riscos e oportunidades’ realizado entre a Facultade de Psicoloxía da USC, baixo a dirección do profesor Antonio Rial Boubeta, o Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría Informática e UNICEF.

O informe, “pioneiro en Europa”, tal e como sinala Rial Boubeta, representa un estudo “comprensivo e inclusivo sobre o uso saudable das tecnoloxías que ofrece unha foto precisa dun segmento de poboación moi concreto”. Así, proporciona unha diagnose do uso e impacto da tecnoloxía na adolescencia, analizando tanto os hábitos de uso de Internet e as redes sociais, o consumo de videoxogos e o xogo en liña como diferentes prácticas de risco, como o sexting, o contacto con descoñecidos ou o ciberacoso, e incorpora ademais as motivacións, crenzas e expectativas das e dos adolescentes.

Na investigación participaron entre novembro de 2020 e marzo de 2021 un total de 265 centros educativos de toda España, cunha mostra de case 50.000 adolescentes de entre 11 e 18 anos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria, coa colaboración dos equipos directivos, os gabinetes de orientación psicopedagóxica e as asociacións de nais e pais dos centros. Preténdese así facilitar información clave como ferramenta de análise e reflexión para orientar actuacións no ámbito familiar, educativo e normativo que permitan fortalecer os mecanismos educativos, preventivos e de protección necesarios para a infancia na contorna dixital.

Xanela de oportunidades pero moitos riscos asociados
A práctica totalidade dos adolescentes que cursan ESO (94,8%) dispón de teléfono móbil con conexión a Internet, dispositivo ao que accede xusto aos 10,96 anos, segundo se recolle neste informe. Ademais, 3 de cada 10 das persoas consultadas inviste máis de 5 horas diarias no uso da internet e as redes sociais, porcentaxe que ascende ata un 49,6% na fin de semana. Segundos os datos desta investigación, máis da metade dos adolescentes utiliza as redes sociais para facer amigos e o 44,3% para non sentirse só. Este compoñente relacional adquire máis peso coa idade.

Aínda que non é posible establecer relacións de causalidade, os datos permiten constatar a estreita relación entre as novas formas de adicción ou usos problemáticos da tecnoloxía e a saúde mental, con maiores taxas de depresión asociadas e un menor benestar emocional. “É evidente a xanela de oportunidades que as novas tecnoloxías ofrecen a mozos e adolescentes, vantaxes para o seu desenvolvemento e aprendizaxe como o acceso a información a través de aplicacións e plataformas especializadas ou a axuda que pode ofrecerlles na construción de relacións sociais. Con todo, queda patente que tamén implica unha serie de riscos que non debemos obviar e que quedan retratados nas preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou ciberacoso resultantes do estudo”, afirman os responsables do informe.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.05.2024.