Pasar al contenido principal

Un estudo ve a soidade como o factor que máis inflúe na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas

A investigación analiza as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida. FOTO: Santi Alvite
A investigación analiza as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida. FOTO: Santi Alvite
Sara Rey Beiro e Fidel Martínez-Roget analizaron como o impacto de residir nun contorno rural ou urbano incide na autoestima e na integración da xente maior

A soidade, cun impacto tanto directo, como indirecto reducindo a autoestima dos individuos, sería o factor que máis inflúe na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas, segundo conclúe un estudo dos investigadores da USC Sara Rey Beiro e Fidel Martínez-Roget, do Departamento de Economía Aplicada e ECOBAS, que acaba de publicar a revista ‘Heliyon’ (Elsevier). O artigo, titulado ‘Rural-urban differences in older adults’ life satisfaction and its determining factors’, apoiouse nun traballo de campo desenvolvido en tres municipios da provincia da Coruña -Mazaricos, Outes e Santiago de Compostela- e tiña como principal obxectivo analizar o impacto do contorno de residencia, rural ou urbano, na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas.

Así, a investigación analiza as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida poñendo o foco no contorno de residencia, rural ou urbano, das persoas maiores e mostra que a satisfacción coa vida deste colectivo depende de xeito significativo (e negativo) da soidade; ao mesmo tempo, a soidade impacta tamén negativamente na autoestima. Pola contra, a autoestima ten unha influencia significativa (e positiva) na satisfacción coa vida. A autoestima non só incrementa a satisfacción coa vida, senón que reduce o impacto negativo provocado sobre a mesma pola soidade.

O traballo pon de manifesto que o lugar onde viven as persoas maiores ten un efecto significativo sobre as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida. As relacións son máis fortes no grupo de maiores que residen na cidade. Estes resultados poden explicarse en parte polos lixeiramente maiores niveis de soidade manifestados polas persoas maiores residentes no entorno urbano. Obsérvase, polo tanto, que non é o mesmo vivir só que a soidade non desexada e que para unha persoa maior vivir nun contorno urbano e rodeada de moita xente, non ten por que ser sinónimo de menor soidade. No caso dos residentes na cidade da mostra, a autoestima contribúe a mitigar o impacto negativo da soidade sobre a satisfacción coa vida.

A maior parte dos países da nosa contorna rexistraron importantes cambios nas súas estruturas demográficas que levaron a que as persoas maiores teñan cada vez máis peso nas sociedades actuais. Atendendo aos datos de Eurostat para o 2023, na Unión Europea as persoas de 65 e máis anos representan máis dun 21% do conxunto da poboación. En España dúas de cada dez persoas teñen máis de 64 anos, pero no caso de Galicia son case tres de cada dez as que están na idade de xubilación. Salvo un cambio brusco nas correntes migratorias, dado o reparto da poboación por idades na actualidade, e o comportamento da fecundidade, este proceso non só vai continuar, senón que se acentuará nos próximos anos.

Ademais da evolución dos nacementos, a este proceso de envellecemento da poboación contribuíu dun xeito importante a redución da mortalidade en todas as idades e o consecuente incremento da esperanza de vida. Que unha persoa que nace hoxe en día teña unha probabilidade moi elevada de chegar á idade de xubilación, pasando por todas as etapas vitais, pode considerarse un auténtico logro das sociedades actuais. España, cunhas expectativas de vida de 84 anos é o país da UE27 cunha maior esperanza de vida ao nacemento, por enriba de países como Italia ou Francia, e case tres anos superior aos promedios europeos.

En calquera caso, e seguindo o slogan das Nacións Unidas, unha vez engadidos anos á vida, trátase de engadir vida aos anos. Aínda que os ritmos poden ser diferentes, o envellecemento da poboación é un fenómeno global e un dos maiores retos aos que se enfrontan os países a hora de manter os estándares de benestar dos seus cidadáns. Polo tanto, en sociedades envellecidas  e nas que as persoas adultas maiores desempeñarán cada vez un papel máis importante dende o punto de vista social e dende a perspectiva económica,  as persoas responsables da toma de decisións deben ter como prioridade garantir o benestar e as condicións de vida deste grupo de poboación.

O lugar de residencia condiciona as oportunidades, as posibilidades económicas, a oferta de servizos e, polo tanto, tamén a calidade de vida. En comparación coas zonas rurais, as áreas urbanas ofrecen vantaxes como unha maior dispoñibilidade de transporte público, maiores opcións de vivenda ou unha oferta máis ampla de servizos públicos. Pola contra, as zonas rurais ofrecen vantaxes para as persoas maiores como un mellor medio natural, menos contaminación ou máis espazos verdes para pasear e facer exercicio. Hai estudos que conclúen ademais, que as zonas rurais  posúen un maior capital social e maiores niveis de conexión comunitaria. Pola contra, as oportunidades de emprego, educativas, ou os ingresos soen ser menores no rural.

A pesar da posible influencia do contorno de residencia na calidade de vida das persoas maiores, ata hai moi pouco os aspectos xeográficos recibiron escasa atención na literatura científica. Ademais, os resultados da investigación non lograron concluír se o benestar subxectivo das persoas residentes en áreas rurais é mellor ou peor que os que viven en áreas urbanas, ou viceversa. Este traballo contribúe a encher ese baleiro ao analizar dun xeito estrutural os factores que condicionan a satisfacción coa vida das persoas maiores e as diferenzas rural-urbanas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.05.2024.