Pasar al contenido principal

O efecto de herbicidas naturais sobre a xerminación da flora da muralla romana de Lugo, a análise na EPS de Enxeñaría da USC

De esquerda a dereita; Martínez, Díaz, Torres, Rigueiro, Mosquera e Calabuig, na EPS de Enxeñaría da USC
De esquerda a dereita; Martínez, Díaz, Torres, Rigueiro, Mosquera e Calabuig, na EPS de Enxeñaría da USC
Lucía Torres García estuda na súa tese, dirixida por Elvira Díaz e Antonio Rigueiro, a eficacia e a aplicación dos métodos incluídos no plan de conservación do monumento

O seguimento dos tratamentos de control da flora vascular da muralla romana de Lugo (Patrimonio da Humanidade, Unesco 2000) e a avaliación do efecto de bioherbicidas/herbicidas naturais sobre a xerminación de Parietaria judaica L., a especie máis abundante, sobre todo no seu paramento exterior, son obxecto da tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira de Montes Lucía Torres García na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do campus de Lugo da USC.

A investigación, desenvolvida baixo o título ‘Flora vascular da muralla romana de Lugo: control do crecemento e xerminación da dominante Parietaria judaica L.’ está dirixida polos profesores Elvira A. Díaz Vizcaíno, pertencente ao grupo de Biodiversidade e Botánica Aplicada, e Antonio Rigueiro Rodríguez, do grupo de Sistemas Silvopastorais. Os resultados acadados pola investigadora Lucía Torres permiten establecer a periodicidade e a eficacia da aplicación de métodos de control convencionais propostos no Plan de Mantemento da Muralla Romana de Lugo, ao tempo que posibilitan verificar a potencialidade de compostos elelopáticos como inhibidores da xerminación das sementes de P. judaica (dominante no monumento) e o crecemento inicial das súas plántulas.

Os traballos desenvolvidos no marco desta investigación de doutoramento abranguen desde a avaliación dos cambios na cobertura da flora que coloniza os seus paramentos, con especial atención a parietaria, en ciclos anuais consecutivos durante tres anos. Daquela, procedeuse á elaboración dun protocolo de actuacións a curto prazo para o control da vexetación incluído especificamente no capítulo medioambiental de dito plan.

A enxeñeira Lucía Torres García constatou asemade na súa tese que a parietaria continúa a ser a especie predominante, sobre todo no exterior da muralla, e recupera a cobertura por rebrote e xerminación. Estas circunstancias obrigaron a esclarecer se resultaba posible reducir a súa cobertura limitando a xerminación e o establecemento de novas plantas. Para acadar este obxectivo, a investigadora realizou bioensaios de fitotoxicidade dose-resposta cos que estudou unha trintena de produtos (entre eles aceites esenciais e hidrolatos), chegando a coñecer o efecto provocado por cada tipo de substancia sobre a xerminación das sementes de parietaria. Os resultados obtidos coa metodoloxía habitual empregada neste tipo de estudos complementáronse cunha análise da capacidade de recuperación xerminativa e da viabilidade das plántulas, o que permitiu mellorar a avaliación como herbicidas potenciais de cada un dos produtos estudados.

Unha vez finalizadas todas as análises, os resultados salientaron unha decena de substancias que son comparativamente máis eficaces, dado que que inhibiron a xerminación das sementes e/ou comprometeron a viabilidade das plántulas, sen que se observara recuperación da súa capacidade xerminativa. Os produtos máis efectivos tamén foron ensaiados en ambiente natural en fases secuenciais ata ser empregados finalmente nunha aplicación directa no monumento, sobre o pull de sementes descoñecido que hai nas gretas entre as pedras das paredes da muralla.

Estas investigacións permitiron verificar a eficacia destes produtos, cando existe unha sincronización entre a aplicación in situ e o inicio da xerminación desta especie, para o que é preciso coñecer a fenoloxía xerminativa e de emerxencia de plántulas, un feito que exemplifica como a aplicación técnica se fundamenta nunha investigación básica. De xeito complementario, os compostos de maior eficacia no control de P. judaica tamén o foron noutras especies ruderais e arvenses (Epilobium hirsutum L., Rumex obtusifolius L. e Spergula arvensis L.), sobre as que se verificou a potencialidade fitotóxica observada in vitro tamén en condicións ambientais naturais (invernadoiro).

Tribunal da tese

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento estivo presidido pola catedrática de Produción Vexetal da USC María Rosa Mosquera Losada. O catedrático de Ecoloxía da Universidade de León Estanislao de Luis Calabuig e Carolina Martínez Ruiz, profesora titular de Ecoloxía da Universidade de Valladolid, completaron a nómina de membros dun tribunal que cualificou esta investigación de doutoramento coa máxima nota de sobresaínte cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.01.2019.