Pasar al contenido principal

Filoloxía busca logo conmemorativo para o 50 aniversario que cumprirá o próximo ano

Ao concurso pode presentarse calquera membro ou ex membro de Filoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
Ao concurso pode presentarse calquera membro ou ex membro de Filoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
Abre un concurso do 28 de maio ao 28 de xuño para elixir o logotipo de imaxe desa celebración

Entre as numerosas accións que a Facultade de Filoloxía está a organizar para conmemorar o vindeiro ano 2025 o seu 50 aniversario figura un concurso para atopar unha imaxe en forma de logotipo que represente todas as actividades desa celebración.

A presentación de propostas deberá realizarse entre o 28 de maio e o 28 de xuño e poderá participar calquera membro ou ex membro da comunidade universitaria da Facultade de Filoloxía. O resultado do concurso -con premios de 500, 200 e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente- coñecerase o día 17 de xullo.

Charlas de decanas e decanos
Durante o presente curso académico, Filoloxía está desenvolvendo diversas actividades para preparar a conmemoración do próximo curso. Recentemente, o decano Elias J. Feijó Torres reuniu no centro ás persoas antecesoras no seu cargo para traballar nese programa, entre o que xa está pechada unha serie de conferencias mensuais de cada un dos ex decanos e ex decanas, entre outubro e maio próximos,  que servirá para nutrir a memoria e a reflexión sobre estes cincuenta anos.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2024.