Pasar al contenido principal

Manifesto do equipo de goberno diante da situación en Palestina

O novo manifesto súmase ao posicionamento previo acordado en Claustro. Foto: Santi Alvite
O novo manifesto súmase ao posicionamento previo acordado en Claustro. Foto: Santi Alvite
Atendendo as demandas da organización estudantil Erguer coa que mantivo un encontro esta mañá

Logo dunha xuntanza mantida este mércores coa organización estudantil Erguer a respecto da situación en territorio palestino, e reafirmando o posicionamento previo acordado en Claustro universitario, o equipo de goberno da USC emitiu un comunicado no que:

1. Insta ao estado de Israel a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente, permitindo a entrada de axuda humanitaria.

2. Insta á comunidade internacional a rematar coa súa inacción e recoñecer o estado de Palestina, así como o seu dereito á autodeterminación. A comunidade internacional tamén debe ser garante do retorno das persoas refuxiadas ás súas casas e propiedades, da fin da ocupación e colonización, do recoñecemento da igualdade das persoas palestinas, da fin das leis de discriminación, así como da liberación das persoas palestinas presas e da fin dos abusos que se están a cometer.

3. Denuncia a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na franxa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias.

4. Co fin de contribuír a recuperar a normalidade na vida universitaria palestina comprométese a intensificar as relacións de apoio e colaboración coas universidades palestinas, así como coas súas comunidades, e a cooperar tamén coas ONG que traballan sobre o terreo para axudar na acollida de dita comunidade universitaria.

5. Comprométese a non asinar novos convenios de colaboración, nin a manter ningún tipo de relación científica ou académica con universidades e institucións israelís, proxectos internacionais, grupos de investigación, investigadores e docentes que non asuman explicitamente os compromisos que figuran nesta declaración.

6. Comprométese a revisar e suspender calquera relación económica con institucións e empresas israelís que non asuman de xeito explícito os compromisos desta declaración.

7. Apoia toda manifestación de solidariedade co pobo palestino e lamenta o emprego de violencia no exercicio pacífico do dereito a manifestación.

8. Comprométese a manter aberto o diálogo con todas as expresións de auto organización da comunidade universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2024.