Pasar al contenido principal

A primeira promoción VIR da Fundación Rof Codina culmina a súa formación especializada en actividade asistencial hospitalaria

Estudantado que rematou o programa VIR
Estudantado que rematou o programa VIR
O Hospital Veterinario Universitario acolleu o acto de entrega de diplomas ao estudantado que rematou este período formativo clave na abordaxe de casos complexos de difícil solución
Lugo

Laura Mengibar Alcoholado, Eva Daviña Rodil, Antonio Luis Casas Peña, Jessica González Soto e Manuel Ramón Díaz Horcajada integran a primeira promoción do programa formativo para Veterinarios/as Internos/as Residentes (VIR) da Fundación Rof Codina. O centro acolleu este xoves 23 o acto de entrega dos diplomas correspondentes aos doce meses deste período no que se forman especialistas en actividade asistencial hospitalaria á que as clínicas veterinarias remiten casos complexos que non poden solucionar. Neste senso, o programa VIR constitúe o primeiro paso nesa formación especializada dos veterinarios/as que acaban de graduarse. As persoas beneficiarias destas prazas realizaron un curso de especialista en actividade asistencial hospitalaria ao tempo que desenvolveron traballo supervisado no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, baixo a figura do contrato formativo para a obtención da práctica profesional adecuada.

As prazas están destinadas a graduados/as en veterinaria con pouca ou ningunha experiencia laboral e perseguen que estes profesionais, por medio das sesións clínicas prácticas e a súa rotación polos diferentes servizos do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, adquiran certo grao de especialización para a súa posterior incorporación ao mercado laboral. Ao mesmo tempo, o VIR aspira a que as persoas graduadas detecten en que campo da actividade asistencial hospitalaria van querer especializarse no futuro.

No acto de entrega de diplomas interviñeron o xerente da USC e da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira; o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez; o director veterinario do Hospital Rof Codina, Antonio González Cantalapiedra; e a xefa de servizo de Medicina Interna, María Luísa Suárez Rey.

Contidos

O estudantado recibiu ao longo dun ano formación teórica e formación teórico-práctica a través da casuística clínica do Hospital e a asistencia á discusión de casos en sesións clínicas. No curso orientado a animais de compañía tratáronse cuestións como hematoloxía e oncoloxía,  aparato respiratorio, aparato dixestivo monogástrico e glándulas anexas, sistema endócrino, aparato urinario, neuroloxía, sistema cardiovascular,  sistema musculoesquelético, oftalmoloxía, radioterapia, etoloxía, terapéutica, laboratorio, hospitalización e urxencias, novos animais de compañía e xestión deontolóxica. No caso da formación orientada a grandes animais e animais de produción abordarase a formación clínica especializada de équidos e bóvidos, ademais de cuestións relativas a laboratorio, xestión e deontoloxía.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.05.2024.