Pasar al contenido principal

Catro milleiros de estudantes de secundaria visitan este semana a USC

Os primeiros estudantes chegaron esta mañá ao Campus Norte (Foto: SERVIMAV-USC)
Os primeiros estudantes chegaron esta mañá ao Campus Norte (Foto: SERVIMAV-USC)

Un total de 4.200 estudantes de 69 centros de ensino secundario de toda Galicia visitan esta semana o campus de Compostela dentro dos ‘Encontros na USC’ que organiza o programa ‘A Ponte’. As visitas comezaron este martes 7 e continuarán ata o xoves 9.

Nestes encontros o alumnado ten a posibilidade de coñecer as instalacións onde se imparten as titulacións que lle interesan así como visitar os laboratorios de prácticas, aulas e bibliotecas. Nestas visitas, ademais dos responsables dos centros participan os titores de 1º curso, que se encargan de dirixir o percorrido polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC.

O programa consta de catorce itinerarios, que percorrerán cada día a partir das 10.30 horas os centros do Campus Norte e do Campus Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programadas visitas a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía.

En Campus Vida, con saída dende a Residencia Monte da Condesa, realizaranse visitas a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Química e Física; Óptica e Optometría; Psicoloxía e Ciencias da Educación.

As visitas complétanse pola tarde coa posibilidade de visitar o Museo de Historia Natural, Patrimonio Histórico, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, as Residencias Universitarias e a Cidade da Cultura.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2017.