Pasar al contenido principal

Profesorado de Ciencias da Educación dá pulo en Xermade á transmisión do legado interxeracional no rural

Detalle do cartel das xornadas
Detalle do cartel das xornadas
A vixésima edición das xornadas que acolle este concello lucense bota a andar o 25 de maio coa homenaxe á figura de Luísa Villalta
Lugo

USC, Asociación de Veciños de Cabreiros e Concello de Xermade impulsan, en colaboración con outras entidades, a vixésima edición das ‘Xornadas interxeracionais rurais aprendendo cos nosos maiores’ que se desenvolven o 25 de maio e os días 1, 8 e 14 de xuño no propio Concello. Na primeira das sesións, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, María López Sández, profundará ás 11.00 horas na figura de Luísa Villalta, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2024.

Na xornada do 1 de xuño, intervirán o profesor da USC Zósimo López Pena e o xornalista do Gabinete de Comunicación, Henrique Neira, coa charla-coloquio ‘Festa e cohesión social no rural galego: o caso de Santa Mariña’. O día 8 será a quenda do docente Óscar Chao, quen abordará a fauna salvaxe do concello.

As xornadas naceron en 2005 grazas a unha iniciativa do presidente da Asociación de Veciños, Xosé Manuel Felpeto, e do profesor da USC, Xesús Rodríguez, coa vontade de recompilar experiencias e coñecementos das xeracións de máis idade, para transmitir o seu legado ás xeracións vindeiras. Alén do profesorado da USC, as xornadas contan cun amplo programa que abranguerá dende presentacións literarias, ata proxectos de participación veciñal, obradoiros, coloquios ou recitais a cargo de diversos colectivos.

Programa das xornadas
Programa das xornadas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.05.2024.