Pasar al contenido principal

Aberto ata o 27 de xuño o prazo para solicitar aloxamento no Sistema Universitario de Residencias

Dúas estudantes no seu cuarto da residencia Universitaria Monte da Condesa. Foto: Santi Alvite
Dúas estudantes no seu cuarto da residencia Universitaria Monte da Condesa. Foto: Santi Alvite
O número total de prazas que se ofertan nesta convocatoria 2024-2025 para os Campus de Santiago e Lugo ascende a 910

O Sistema Universitario de Residencias (SUR) da USC mantén aberto ata as 14.00 horas do 27 de xuño o prazo para solicitar aloxamento o vindeiro curso 2024-2025. As estadías poderán estenderse do 6 de setembro de 2024 ata o 31 de maio de 2025.

A oferta deste ano é de 910 prazas, cuxos prezos se establecen en función da renda persoal dispoñible de acordo co establecido no texto da convocatoria.

Listaxes definitivas o 1 de agosto
Unha vez procesadas as solicitudes, o 22 de xullo publicarase a listaxe provisional de solicitantes admitidos/as a trámite e excluídos/as, que disporán ata o día 28 de xullo para emendar a súa solicitude.

O 1 de agosto publicaranse as listas definitivas de persoas admitidas en cada centro, a lista de agarda e a relación de excluídas. Quen quede na lista de agarda e desexe seguir optando a unha praza no SUR, ten de prazo para confirmalo ata o 5 de agosto. De non facelo, entenderase que desisten da súa petición de permanecer na lista de agarda.

O SUR proporciona aloxamento a alumnado e outros colectivos universitarios a través dunha rede propia de Residencias e Colexios Maiores nos seus campus co obxectivo de permitir unha mellor integración, formación e igualdade de oportunidades no ámbito universitario. Ademais, contribúe ao desenvolvemento e difusión de actividades culturais, científicas, artísticas ou deportivas.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2024.