Pasar al contenido principal

A Academia Nacional da Historia arxentina nomea o catedrático Ramón Villares académico correspondente

O catedrático emérito Ramón Villares
O catedrático emérito Ramón Villares
O ex reitor da Universidade de Santiago foi elixido polos seus méritos e a súa traxectoria no campo da investigación e os estudos históricos

O profesor emérito da USC Ramón Villares foi nomeado académico correspondente en España pola Academia Nacional da Historia arxentina, que preside o historiador e politólogo Natalio Rafael Botana. A elección do ex reitor da Universidade de Santiago tivo lugar no plenario académico e “responde aos seus relevantes méritos e antecedentes no campo da investigación e estudos históricos”, segundo informou a institución.

Nacido en 1951  en Xermade (Lugo),  Ramón Villares é desde 2021 profesor emérito da Universidade de Santiago, onde obtivera a cátedra de História Contemporánea en 1987 e fora decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990 e posteriormente reitor entre 1990 e 1994.

Así mesmo foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo entre 1997 e 2006;  promotor da Asociación de Historia Contemporánea de España, da que foi presidente de 1996 a 2002; investigador honorario do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa desde 2011 e recibiu o doutoramento honoris causa polas universidades de Bos Aires (1992), Minho (2015) e Rennes-2 (2017).

Membro da Real Academia Galega desde 2006 e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona desde 2018, foi presidente do Consello da Cultura Galega de 2006 a 2018, recibiu tamén os Premios da Crítica de Galicia (1983 e 1985) e os premios xornalísticos Fernández Latorre (‘La Voz de Galicia’, A Coruña, 2005) e Puro Cora (‘El Progreso’, Lugo, 2017), así como o Premio Cultura Galega á Proxección Exterior (Xunta de Galicia, 2018) e o Premio Otero Pedrayo (Deputación de Lugo, 2019).

Especializado en historia social agraria, estudos migratorios e historia cultural, é autor de máis de vinte libros e numerosos artigos de investigación e de alta divulgación. Entre as súas publicacións destacan La propiedad de la tierra en  Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI Editores, Madrid, 1982); Donos de seu. Estudos de historia agraria de Galicia (Sotelo Blanco, Santiago, 1988), Señores y campesinos en la Península Ibérica (ss. XIX y XX) (Crítica, Barcelona, 1992), Historia da emigración galega (Xunta de Galicia, Santiago, 1996),  Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Galaxia, Vigo, 2007 e nova edición en 2018) ou Luís Seoane, entre Galicia y Argentina (Biblos, Bos Aires, 2012). Algúns dos seus libros e artigos foron traducidos ao portugués, francés, inglés, italiano, catalán, éuscaro e ruso.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.05.2024.