Pasar al contenido principal

María José Ginzo, recoñecida co premio á mellor tese en humanidades dixitais por un traballo sobre técnicas estatísticas en xeolingüística

María José Ginzo no seu despacho
María José Ginzo no seu despacho
O xurado considera que a tese da docente da USC abre “grandes posibilidades para o coñecemento da paisaxe humana e a súa representación temporal no espazo"

O traballo ‘Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica’, da profesora axudante doutora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, María José Ginzo Villamayor, vén de gañar o III Premio Sociedade Internacional de Humanidades Dixitais Hispánicas-Fundación BBVA á Mellor Tese Doutoral 2023.

Os apelidos poden utilizarse como fonte de información para caracterizar a poboación dunha rexión, dado que a análise dos patróns que se observan na súa distribución proporciona información sobre movementos e características das poboacións. A identificación destes patróns a través de medidas de isonimia é un problema que ten sido abordado por diferentes autores.

Para a concesión do premio, o xurado valorou nesta tese “a exploración de novos métodos estatísticos para o estudo da onomástica, a partir da análise das relacións entre a estrutura demográfica e social das poboacións e a organización espacial e histórica da diversidade lingüística. O traballo parte dunha problemática de onomástica concreta, como é a construción de rexións de apelidos en Galicia, e aplica modelos de patróns espazo temporais extrapolables a outras rexións.

Valorouse á súa vez que a tese combina o manexo dun gran volume de datos de diversos territorios de España cola visualización cartográfica. Así mesmo, ofrece unha biblioteca en código aberto das técnicas aplicadas na súa investigación, permitindo a replicabilidade do estudio e a reutilización da ferramenta por parte da comunidade científica.

O xurado
O xurado estivo presidido pola catedrática de Literatura Española da Universitat de València, Teresa Ferrer, e contou como vogais coa profesora do Departamento de Filoloxías Estranxeiras e as súas Lingüísticas da UNED, Iria da Cunha; a coordinadora do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial da Universidade Internacional de La Rioja, María Luisa Díez Platas; o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández; a profesora de Xeografía Humana da Universidade de Estremadura, Ana Nieto; a profesora dos Estudos de Artes e Humanidades da Universitat Oberta de Catalunya, Joana María Pujadas; e o director do Museo de Belas Artes de Bilbao, Miguel Zugaza.

 María José Ginzo coa directora da súa tese, a profesora Rosa Crujeiras, diante da facultade compostelá de Matemáticas
María José Ginzo coa directora da súa tese, a profesora Rosa Crujeiras, diante da facultade compostelá de Matemáticas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.05.2024.