A Área Deportiva abre o 3 de xuño o prazo de inscrición en tenis e o día 10, nas actividades acuáticas
O prazo para inscribirse en tenis permanecerá aberto dende este luns 3 de xuño, mentres que para as actividades acuáticas o período de matrícula bota a andar o día 10 deste mes. A matricula pode formalizarse en liña a través da páxina web da Área Deportiva da USC. O programa de actividades desenvolverase ao longo do mes de xullo.
A través desta oferta, a Área Deportiva pretende fomentar a práctica do tenis entre a poboación local e a universitaria; crear unha escola aberta a todos segmentos da poboación; mellorar o nivel tenístico do estudantado; e dar a coñecer os beneficios que a práctica de actividade física ten para a saúde das persoas, tomando coma vehículo a práctica do tenis. No relativo ás actividades acuáticas, a oferta abrangue aquagym, distintos niveis de natación, así como natación terapéutica.