O reitor suspende a sesión do Consello de Goberno ante a imposibilidade de que a reunión se realice con garantías democráticas e de seguridade
A Universidade de Santiago de Compostela viu hoxe alterada a súa convivencia democrática ao ter que suspender a sesión ordinaria do Consello de Goberno, convocada para a mañá deste venres no Centro de Estudos Avanzados. Un grupo de 35 persoas, que se identificaron como membros da “Asemblea internacionalista do estudantado e da clase traballadora”, impediron o acceso aos membros do órgano de goberno.
A posición da USC
A institución, tanto mediante a declaración institucional acordada por unanimidade na sesión do Claustro do mes de novembro de 2023, como a través do manifesto do equipo de goberno asinado polo propio reitor o pasado día 22 de maio, establece o diálogo coas diferentes fórmulas de representación da comunidade universitaria como única vía para chegar a acordos que poidan ser asumidos polos membros da comunidade.
O equipo de goberno segue a respectar o dereito á libre e pacífica manifestación, pero ante a situación vivida nesta mañá, e atendendo á evolución das accións emprendidas pola devandita asemblea, a decisión tomada polo reitor foi a de suspender a sesión do Consello de Goberno.
Seguintes pasos
No día de hoxe, o reitor convocará as diferentes instancias de goberno co obxectivo de facelas partícipes da situación e buscar o máximo consenso sobre as decisións a tomar. Ademais, e en vista desta situación, tamén será convocada a representanción do estudantado.