Un curso revisará as relacións entre a arte e a liturxia na Idade Media
Ao longo de cinco xornadas entre febreiro e marzo, a Facultade de Xeografía e Historia será a sede do encontro ‘ No ceo como na terra. Curso sobre Arte e Liturxia na Idade Media’. Da man de persoal investigador da USC e do Instituto Teolóxico Compostelán (ITC), este curso analiza as relacións entre a arte e a liturxia na Idade Media peninsular. É un curso de asistencia gratuíta ata completar aforo (previa inscrición no enderezo cursoarteyliturgia [at] gmail.com (cursoarteyliturgia[at]gmail[dot]com)) e que foi aprobado como actividade formativa dos programa de doutoramento en Estudos Medievais e en Historia, Xeografía e Historia da Arte. Ademais atópase en trámite o seu recoñecemento por un crédito ECTS para os graos en Historia e Historia da Arte.
O programa arrancará este venres 17 na Aula 13 ás 10.00 horas cunha sesión para analizar a situación actual dos estudos que poñen en relación arte e liturxia. Intervirán Elisardo Temperán do ITC co relatorio ‘Claves para entender a arte e a liturxia na Idade Media’ e José Luis Senra, da Complutense de Madrid, para falar sobre ‘Liturxia e espazo na Idade Media plana: o trazo cluniacense’.
As seguintes xornadas previstas analizarán a relación entre música e liturxia (24 de febreiro); os libros litúrxicos e a súa iluminación (3 de marzo); a penitencia e as súas representacións (10 de marzo); e a indumentaria litúrxica e ornamentos (17 de marzo). A organización expedirá certificado de participación equivalente a 15 horas de formación.