Pasar al contenido principal

As XIX Xornadas de Economía Crítica analizan alternativas ao modelo de acumulación propio do capitalismo

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. FOTO: Santi Alvite
Michael Roberts, Aurelia Mañé e Margarita Mediavilla impartirán as conferencias plenarias, que se complementarán con mesas temáticas especializadas

As XIX Xornadas de Economía Crítica, co título ‘Poscapitalismo, colapso...? Alternativas diante da fin dun modelo de acumulación’, desenvólvense na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais compostelá do 12 ao 14 de xuño. A inauguración oficial será este mércores 12 ás 9.30 horas a cargo do delegado do reitor para Transferencia do coñecemento, Luis Otero González; o deputado de contratación, patrimonio e equipamento da Deputación da Coruña, Xosé Penas Corral; o representante da Asociación de Economía Crítica, Luis Buendía García, e a coordinadora do equipo organizador da USC, Rosa María Regueiro.

As Xornadas, de acordo coa organización, son un espazo de encontro aberto bianual que se convoca desde hai tres décadas e no que participa persoal investigador e docentes de gran parte das universidades españolas e doutros países. Promovidas pola Asociación de Economía Crítica, o comité organizador está formado maioritariamente por docentes e persoal investigador da USC, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Fundación Fuhem e Economistas sin Fronteras.

A sesión plenaria inaugural do mércores será impartida polo economista Michael Roberts, contando con Aurelia Mañé o xoves e Margarita Mediavilla que clausurará o evento o venres. Ao longo dos tres días terán lugar diferentes sesións paralelas con mesas temáticas nas que se exporán as mais de cen comunicacións aceptadas polo comité científico, con temáticas relacionadas con diferentes aproximacións da economía, como a economía poskeynesiana, a economía ecolóxica, a economía feminista, a economía marxista ou a economía institucionalista, entre outras.

Cartel das Xornadas
Cartel das Xornadas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2024.