Pasar al contenido principal

O Encontro da Mocidade Investigadora comparte as respectivas liñas de traballo e favorece a colaboración interdisciplinaria

A Facultade de Psicoloxía da USC acolle este foro
A Facultade de Psicoloxía da USC acolle este foro
O foro que botou a andar este luns 10, esténdese ata o 11 de xuño na Facultade de Psicoloxía da USC
Santiago de Compostela

O Encontro da Mocidade Investigadora que chega xa á súa edición número once, favorece as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento. A Facultade de Psicoloxía da USC acolle este foro que botou a andar este luns 10, organizado polas tres universidades públicas galegas e dirixido ao seu estudantado de doutoramento. Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica, presidiu o acto inaugural.

“O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar”, explican dende a organización. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura). O XI EMI ofrece “unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades”, sinalan.

No marco do EMI procederase á entrega dos Premios Extraordinarios de Doutoramento 2021-22 da USC. O acto terá lugar o día 10, ás 19.00 horas, e estará presidido polo reitor Antonio López Díaz. Recollerán o seu premio cinco doutorandos e doutorandas da área de Artes e Humanidades, dez da de Ciencias e Enxeñarías, doce na de Ciencias da Saúde e oito da de Ciencias Sociais e Xurídicas.

Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica, terceira pola esquerda, presidiu o acto inaugural
Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica, terceira pola esquerda, presidiu o acto inaugural
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2024.