Pasar al contenido principal

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional visitou a nova sede do IGFAE

O reitor e o conselleiro conversan co persoal do IGFAE. Foto: Santi Alvite
O reitor e o conselleiro conversan co persoal do IGFAE. Foto: Santi Alvite
Acompañado polo reitor, coñeceron tamén a previsión de actos de conmemoración do 25 aniversario deste centro

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, acompañou este xoves o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, nunha visita ás novas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Á súa chegada ao centro, ambos os dous foron recibidos polo director do IGFAE, Carlos A. Salgado, e do director científico asociado, Abraham Gallas.

Na visita coñeceron a nova sede do instituto, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, que este ano cumpre 25 anos de historia. Con este motivo, os responsables do centro puideron tamén adiantarlle xa ao reitor e ao conselleiro algunhas das actividades previstas para a conmemoración deste aniversario.

O IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías creouse en 1999, dúas décadas despois de a comezos dos anos 80 do século XX se iniciasen na USC as primeiras actividades de investigación no campo da física de partículas. Durante este cuarto de século, o persoal do IGFAE consolidou a presenza galega nalgunha das meirandes instalacións científicas internacionais, como o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), a colaboración LIGO para a detección de ondas gravitacionais ou o observatorio de raios cósmicos Pierre Auger.

Neste 2024, o IGFAE afronta un momento clave na súa traxectoria, convertido xa nun centro de referencia internacional na física de altas enerxías, astropartículas e física nuclear. O centro renovou a súa presenza na Rede Galega de Centros de Investigación de Excelencia, impulsada pola Consellería e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Ademais, en marzo deste ano volveu obter a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. Ata o momento, é o único centro galego en recibir este prestixioso selo.

O equipo do IGFAE xa traballa actualmente en parte das dependencias da nova sede, froito dun investimento de preto de 5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia. Unha vez rematadas as obras (cuxa finalización está prevista para finais deste 2024), o centro aumentará nun 70% a súa superficie previa, con novos laboratorios experimentais, espazos comúns e áreas destinadas ás actividades de divulgación.

No marco do 25º aniversario, o IGFAE desenvolverá un amplo programa de actividades abertas á sociedade, co obxectivo de dar a coñecer o labor científico realizado no centro. Estas accións poñerán especial acento no vínculo entre a ciencia e as artes, na liña do camiño aberto desde hai anos nos IGFAE Labs.  A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro 21 de xuño, coa inauguración, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, dunha exposición organizada en colaboración co programa de arte do CERN, Arts at CERN, e que conmemora tamén os 70 anos da fundación desta institución.

Á súa chegada, o reitor e o conselleiro foron recibidos polo equipo directivo do centro. Foto: Santi Alvite
Á súa chegada, o reitor e o conselleiro foron recibidos polo equipo directivo do centro. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2024.