Pasar al contenido principal

Gambia, Marrocos e Nixeria, países cos que a USC estreitou lazos de cooperación a través de Learn África

A USC acolleu este curso tres bolseiras procedentes de Gambia, Marrocos e Nixeria que están a cursar estudos de mestrado na institución compostelá. Imaxe de arquivo dunha biblioteca compostelá. FOTO: Santi Alvite
A USC acolleu este curso tres bolseiras procedentes de Gambia, Marrocos e Nixeria que están a cursar estudos de mestrado na institución compostelá. Imaxe de arquivo dunha biblioteca compostelá. FOTO: Santi Alvite
O programa de bolsas de posgrao impulsado pola Fundación Mujeres por África permitiu que tres estudantes destes países realizasen estudos de mestrado na institución compostelá

A primeira edición do Encontro Anual do Programa Learn África da Fundación Mujeres por África reuniu esta semana as beneficiarias do seu  programa de bolsas de posgrao. Trátase de estudantes e investigadoras africanas que poden formarse en universidades do Estado español a través desta iniciativa; de feito, a USC acolleu este curso tres bolseiras procedentes de Gambia, Marrocos e Nixeria que están a cursar estudos de mestrado na institución compostelá. Así o lembrou no transcurso do acto a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. A sesión que se desenvolveu este mércores 12 na sede da UNED en Pontevedra, contou tamén coa participación de Belén Méndez Naya, adxunta para Internacionalización da USC, e Marina Buján Prèvot, técnica da Oficina de Captación Internacional. A xornada serviu para que as bolseiras se coñecesen entre elas, establecesen contactos institucionais e interactuasen coas institucións colaboradoras.

Learn África é un programa de bolsas de posgrao para que estudantes e investigadoras africanas poidan formarse en universidades españolas, fomentando así a transferencia de coñecemento e a capacitación de mulleres do continente africano. O obxectivo último desta iniciativa é que, tras complementar a súa formación, as bolseiras revertan o aprendido en beneficio das súas comunidades, contribuíndo así ao desenvolvemento dos seus países. Durante os dez anos que a Fundación Mujeres por África leva impulsando este proxecto, máis dun millar de estudantes africanas puideron realizar estudios de posgrao ou cursos de formación complementaria en España.

O evento estivo presidido polo reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón, e contou coa participación de María Teresa Fernández de la Vega, presidenta da Fundación Mujeres por África, que manifestou que "nun mundo altamente globalizado" como o actual é necesario "apostar por África, polas mulleres e pola educación", ao considerar que se trata dunha "cuestión ética". "Sigamos rompendo barreiras xuntas, especialmente entre homes e mulleres e entre África e Occidente", sinalou Fernández de la Vega. O evento tamén incluíu paneis de discusión sobre distintos temas relacionados cos retos da cooperación universitaria nos que participaron representantes institucionais e académicos de universidades españolas e africanas, así como un concerto de música africana.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2024.