Pasar al contenido principal

A Igrexa da Universidade acolle desde a vindeira semana a mostra ‘Instrumentos de Visión’, do artista Armin Linke

O artista Armin Linke retratou para esta exposición algúns exemplos do traballo científico desenvolvido polo persoal do IGFAE, e que forma parte do experimento LHCB do CERN. FOTO: Armin Linke
O artista Armin Linke retratou para esta exposición algúns exemplos do traballo científico desenvolvido polo persoal do IGFAE, e que forma parte do experimento LHCB do CERN. FOTO: Armin Linke
A exposición, organizada polo IGFAE en colaboración co CERN, está comisariada pola compostelá Mónica Bello, directora de Arts at CERN, e poderá verse entre 21 de xuño e o 28 de agosto

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, abrirá o venres 21 de xuño na Igrexa da Universidade a exposición ‘Instrumentos de Visión’, do artista Armin Linke. O proxecto é froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN. A mostra está comisariada por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora desde 2015 de Arts at CERN, e permanecerá aberta ata o 28 de agosto.

Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais, como o experimento LHCb do CERN.

Aparellos para observar os compoñentes fundamentais da materia
A exposición reflexiona sobre como, nas últimas décadas, a combinación de grandes avances técnicos e achados científicos “revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia”, segundo destaca a comisaria Mónica Bello. Grazas a estes progresos, a comunidade científica desenvolveu complexísimos instrumentos que permiten desvelar o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia.

No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, ‘Instrumentos de Visión’ reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. “Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio”, salienta Mónica Bello.

Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, e na liña de fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, ‘Instrumentos de Visión’ contribúe tamén ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.

Inauguración e actividades paralelas
A exposición inaugúrase o venres 21 de xuño ás 19.30 horas na Igrexa da Universidade, coa presenza do artista, Armin Linke, a comisaria da obra, Mónica Bello, e o director do IGFAE, Carlos Salgado. O día seguinte, sábado 22, ás 12.00 horas, terá lugar a conversa ‘A ciencia e a condición contemporánea’, na que participarán Armin Linke, Mónica Bello e Carlos Salgado. Ademais, durante o período de apertura da exposición organizaranse visitas guiadas abertas ao público xeral.

Cartel da mostra
Cartel da mostra
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2024.