Pasar al contenido principal

Nova andaina para o Instituto de Acuicultura, que pasa a ser o Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global

Foto de grupo do persoal do iARCUS
Foto de grupo do persoal do iARCUS
O novo instituto iARCUS amplía a súa axenda científica co foco na saúde global en relación co medio acuático

O Instituto de Acuicultura (IA) da USC vén de iniciar unha nova andaina ao ampliar a súa axenda científica e cambiar a súa denominación a Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS) da USC, que pretende continuar a ser un referente en investigación básica e aplicada e en transferencia ao sector da tecnoloxía en todo o que a saúde global do medio acuático implica.

O IA creárase no ano 1997 partindo da alianza de numerosos investigadores do ámbito da acuicultura e centrado na mellora da produción acuícola de peixes, moluscos e crustáceos, con vista na sustentabilidade e con liñas de investigación en fisioloxía e inmunoloxía, prevención e control, epidemioloxía, calidade e trazabilidade, bioloxía molecular e xenómica. Mais o pasado ano 2023, e tras unha profunda análise, ampliou a súa masa crítica e obxectivos, deseñándose unha nova axenda científica co foco na saúde global en relación co medio acuático e coas prioridades adaptadas ás actuais necesidades da sociedade e o sector no ámbito acuático.

Así, as novas áreas da axenda científica do agora chamado iARCUS diríxense ao desenvolvemento da investigación do medio acuático, abordadas desde tres eixos estratéxicos principais: a súa sustentabilidade como ecosistema do que depende a sociedade (auga e saúde ambiental), a súa interacción cos seres vivos que a ocupan (auga e saúde animal) e a súa relación coa saúde da cidadanía (auga e saúde humana). Vencellado con estes eixos principais, o iARCUS incluíu un eixo transversal de Educación en Resiliencia e Sustentabilidade, que se centra na investigación, transferencia e difusión en pedagoxía social, educación ambiental e resiliencia ante o cambio climático.

Baseándose nestes eixos, o iARCUS formúlase cinco prioridades estratéxicas de investigación, como son a mellora da Produción sostible de animais acuáticos; a vixilancia da calidade química e microbiana do medio acuático natural e a súa interacción coa saúde humana e animal; a calidade, trazabilidade e seguridade alimentaria dos produtos da acuicultura e outros alimentos, os modelos animais de peixes en ferramentas biomédicas, biomarcadores de saúde animal e ambiental; e desenvolvemento e aplicación de metodoloxías analíticas.  

Novo persoal
A nova axenda científica permitiu a incorporación de novo persoal investigador,  de xeito que o instituto ARCUS conta actualmente con 35 investigadores principais, 17 postdoutorais, 39 doutorandos e 14 traballadoras e traballadores entre persoal técnico e outro. Este elenco científico ten demostrado unha traxectoria plena en actividades de I+D+i, transferencia de tecnoloxía a empresas do sector, preparación de patentes, capacidade formativa, así como no seu papel coordinador de estruturas de investigación máis complexas como as redes galegas ReGaBa, Inmunogenom e BioRedes, a rede nacional EpiVir ou a rede internacional INVLV.
 
En termos de captación de recursos nos dous últimos anos, o instituto supera a media de 2,2 millóns de euros. En canto á produción científica, o persoal investigador ten publicado unha media de 150 traballos científicos, incluíndo artigos de investigación en revistas de alto prestixio (cun cuartil medio de 1,52 e un factor de impacto medio de 4,17), revisións e capítulos de libro, ademais de numerosos artigos de divulgación. O iARCUS ten establecido ademais unha colaboración moi sólida con centros internacionais como CIIMAR (Portugal), CNRS (Francia) ou DTU (Dinamarca), así como con plataformas e comisións de gran relevancia na UE como o European Marine Board.

Próxima etapa
Para o período 2024-27 o iARCUS márcase dous obxectivos xerais: consolidarse como referente internacional en Saúde Global e medio acuático e dar soporte a stakeholders, primeiro a nivel rexional, considerando o papel que xoga o medio acuático e mariño na nosa contorna, pero tamén a nivel nacional e internacional. Ademais, confían en mellorar e ampliar as infraestruturas e equipamentos propios así como modernizar e adaptar as súas capacidades tecnolóxicas á realidade actual e futura.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2024.