Pasar al contenido principal

O profesor Antonio Mosquera González tomou posesión como director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago

A toma de posesión celebrouse no Salón de Graos de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A toma de posesión celebrouse no Salón de Graos de San Xerome. Foto: Servimav-USC
Este será o seu segundo mandato ao fronte da ETSE logo da súa reelección

A reivindicación da calidade foi o argumento central esgrimido por Antonio Mosquera González no seu discurso de toma de posesión como director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), cargo que ocupa logo da súa recente reelección. Nunha sesión no Salón de Graos do Colexio de San Xerome presidida polo reitor Juan Viaño, o director lembrou o “indubidable” atractivo das dúas enxeñarías –Informática e Química- que oferta o centro, poñendo como mostra a alta demanda recibida, “a demanda de acceso duplica ou incluso triplica a oferta de ingreso”, na súa opinión “o mellor indicador posible de que os estudantes queren vir estudar os nosos títulos de grao”. Tamén mencionou Antonio Mosquera o atractivo da oferta de máster cunha elevada porcentaxe de alumnado de fóra da comunidade, no caso de enxeñaría ambiental, e de alumnado alleo ao centro, no caso dos posgraos máis recentes. Ademais, “en todas as nosas titulacións, os nosos egresados/as están a situarse en empresas punteiras dos diferentes sectores”.

A Escola converteuse o pasado ano no primeiro centro en obter a acreditación da implantación do sistema de garantía de calidade e na actualidade, “as titulacións de enxeñaría química traballan na obtención da outorgada por IcheMe”, sinalou Mosquera González. A este fito súmase tamén a certificación de seguridade e saúde laboral no traballo, o que testemuña que “a nosa é unha aposta pola calidade obxectivada externamente”, engadiu o director da Escola.

Estas dúas acreditacións evidencian as “importantes cotas de calidade” alcanzadas pola Escola, remarcou o reitor Juan Viaño na súa contestación e “reflicte o bo facer deste e dos equipos de dirección anteriores pero, sobre todo, reflicte o compromiso da comunidade universitaria do seu centro, tanto dos profesorado, como do persoal investigador, de administración e servizos e, por suposto, do estudantado”. Entre todos “lograron facer un centro modélico, capaz de asumir con éxito calquera reto que se lle poña por diante”, aseverou Viaño.

Antonio Mosquera
Profesor titular do Departamento de Electrónica e Computación, é doutor en Física pola USC e autor de publicacións en diferentes campos da docencia, incluíndo algunhas en congresos sobre investigación en docencia en informática, ademais de ter organizado diversas actividades e congresos de innovación docente. No ámbito da investigación, acumula vinte e cinco anos traballando no eido da visión por ordenador ademais de ter participado en mais de vinte proxectos e convenios, ao que se suma a publicación de trinta traballos en revistas especializadas e a súa participación en preto de medio cento congresos da especialidade.

Antonio Mosquera e Juan Viaño. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.04.2017.