Pasar al contenido principal

A compañía de teatro universitario do Campus de Lugo acada o premio á mellor obra na mostra de ‘Teatro Joven’ de Donostia

O elenco está composto por sete universitarias
O elenco está composto por sete universitarias
‘Deixando a pel’ é o título da peza interpretada por sete mulleres, todas elas universitarias de entre 18 e 30 anos, que intentan expresar a través da arte os problemas actuais co desexo de mobilizar e transformar a sociedade
Lugo

Deixando a pel da compañía de teatro universitario USC- Lugo obtivo o premio á mellor obra na trixésimo quinta edición da mostra de ‘Teatro Joven’ de Donostia. A peza premiada “danza entre varios mundos, varias personaxes presas da mesma historia que tratarán de sobrevivir nunha sociedade deshumanizada”, tal e como explica a coordinadora da compañía, Andrea González, quen se amosou moi satisfeita ao coñecer a concesión do galardón. A compañía de teatro universitario USC - Lugo está formada por sete mulleres, todas elas universitarias de entre 18 e 30 anos, que intentan expresar a través da arte os problemas actuais co desexo de mobilizar e transformar a sociedade.

Cal é o límite dunha persoa ou saber se é posible oprimir un ser humano “ata que faga o innomeable” son algunhas das cuestións que expón a peza, cuxa temática xira arredor da xuventude, o amor, o suicidio adolescente, a disforia de xénero e a crítica social. A obra foi estreada en abril no trixésimo Festival de Teatro Universitario de Lugo e posteriormente foi representada en Santiago de Compostela (Mostra de Teatro Universitario de Galicia), Pamplona (Mostra de Teatro, UPNA), Ourense (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, MITEU), Lisboa (Festival Anual de Teatro Académico de Lisboa, FATAL) e en Donostia (XXXV Mostra de Teatro Joven) onde resultou premiada a pasada fin de semana.

O xurado, composto pola actriz María Blanco e os actores Luix Mitxelena e Omar Somai, tivo que elixir entre os 18 grupos que interviñeron na mostra con máis dun cento de participantes. Aitana López, Alba Giráldez, Anna Aycoberry, Andrea Maseda, Mohja Bouferma, Camila Besuschio e Ana Páez integran o elenco da compañía. A dirección, dramaturxia e espazo escénico correu a cargo de Andrea González, directora da compañía que traballa Teatro Físico dende o adestramento dos View Points. A parcela técnica é froito do traballo de Zoe Vixion e a fotografía de Laura Pose.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2024.