Pasar al contenido principal

Marilar Alexandre gaña o Porteiro Garea 2024

Marilar
Marilar Aleixandre
A profesora Marilar Aleixandre gaña a sétima edición do premio Luís Porteiro Garea que recoñece o labor a prol do galego na Universidade de Santiago

Marilar Aleixandre gaña o premio Luís Porteiro Garea na súa sétima edición que recoñece o  seu labor a prol do galego no ámbito universitario.

A profesora Marilar Aleixandre é catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais, xubilada dende o ano 2017, data na que pasa a profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Destaca o seu exercicio como docente na área de Didáctica das Ciencias Experimentais durante máis de vinte anos nos que conxugou dun xeito inusual a forte dimensión humanística coa científica. Igualmente recoñecida e premiada en todas as súas facetas, o seu compromiso co galego cohesiona transversalmente a súa dedicación. Salienta tamén a súa defensa da lingua galega no ensino das disciplinas científicas, do que ela se erixe como símbolo na nosa universidade xa que foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos dende o ano 1976. Foi autora do primeiro libro de didáctica das ciencias para a universidade, Dubidar para aprender, publicado en 1996. Impartiu docencia en galego en todas as materias das que se fixo cargo, tanto no Grao de Mestre en Educación Primaria como no Máster de Secundaria. Conta tamén cun perfil como escritora de poesía, narrativa e ensaio, comprometida coa lingua galega e recoñecida con numerosísimos galardóns, entre outros co Premio Nacional de Narrativa. Tamén é académica de número da Real Academia Galega e unha persoa comprometida e activa a prol da igualdade e defensa das marxes, como testemuñan as súas publicacións en perspectiva feminista.

Marilar Aleixandre súmase con este recoñecemento aos gañadores en anteriores edicións: Manuel Bermejo Patiño, Xosé Antón Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro Rodríguez, Xosé Manuel Beiras e Margarita Ledo Andión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.06.2024.