Pasar al contenido principal

Elena Vázquez Abal e o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS e da ETSE reciben os premios da RAGC

As persoas premiadas pola RAGC coas autoridades asistentes á entrega de galardóns. FOTO: Suso Rivas/RAGC
As persoas premiadas pola RAGC coas autoridades asistentes á entrega de galardóns. FOTO: Suso Rivas/RAGC
A catedrática de Xeometría e Topoloxía obtivo o galardón de Divulgación Científica e o equipo coordinado por Juan Manuel Garrido o de Transferencia de Tecnoloxía

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou este mércores no Pazo de San Roque de Santiago os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas -convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia- e o Premio de Divulgación Científica 2024. A catedrática da USC Elena Vázquez Abal e o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS da USC recibiron dous dos galardóns.

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, premiadas con 5.000 euros cada unha. O premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía foi para o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. O equipo, coordinado por Juan Manuel Garrido, e no que tamén participou Dafne Crutchik, profesora da Universidade Adolfo Ibáñez de Santiago de Chile, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. O investigador salienta que “a lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras pero é posible recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”.

Esta novidosa tecnoloxía, protexida por unha patente española e outra europea, transferiuse á empresa española Aqualia, que a ten implantada na EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e na de Jerez de la Frontera (Cádiz). “É toda unha honra para o noso equipo recibir o Premio Fernando Calvet Prats, que recibe o seu nome dun dos catedráticos de Química Orgánica da Universidade de Santiago que tiveron máis implicación no desenvolvemento científico e económico tanto de Galicia como de España” -manifestou Garrido-.

O premio ‘Francisco Guitián Ojea’ a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de desenvolvemento de novos refrixerantes baseados en materiais sólidos (en lugar de gases) para sistemas de refrixeración e calefacción que axuden a reducir os gases de efecto invernadoiro e sexan máis seguros e económicos. É un proxecto de persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, liderado por María Antonia Señarís.

Premio de Divulgación Científica
O Premio RAGC de Divulgación Científica 2024 foi para Elena Vázquez Abal, catedrática da Universidade de Santiago na área de Xeometría e Topoloxía, que desenvolve unha notable actividade organizando exposicións, ciclos de conferencias, obradoiros sobre divulgación matemática, concursos fotográficos e audiovisuais, xunto a iniciativas para alumnado e profesorado de Secundaria. “Agardo que este premio sirva para que a comunidade científica galega tome consciencia desta última fase da nosa misión como investigadoras e investigadores: a posta en valor do que facemos, achegando os nosos avances á sociedade, dun xeito ameno e próximo, porque só así seremos quen de gañar o respecto de quen sustenta o sistema” -declarou-.

Tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que foi para a reportaxe ‘La UVigo ensaya cómo reducir la corrosión mediante la impresión 3D de hormigón’ de Sandra Penelas, publicada en ‘Faro de Vigo’. Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe ‘La élite alimentaria capta 2,5 millones en un año desde Ourense’ de Elisabet Fernández, publicada en ‘La Región’.

Ciencia ao servizo da sociedade
O evento contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo;  o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e o presidente da RAGC, Juan Lema. Acudiron ademais a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares; o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e Elena Vázquez Cendón, conselleira do Consello da Cultura Galega, entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.

Na súa intervención, o presidente da RAGC indicou que “os Premios á Transferencia de Tecnoloxía representan a mellor investigación aplicada que se fai en Galicia, tratando non só de desenvolver ciencia, senón tamén de aplicala para resolver problemas da sociedade”. En relación ao Premio de Divulgación Científica, salientou que a Academia busca “recoñecer a investigadores e investigadoras destacados que se esforzan por fomentar as vocacións científicas e potenciar o aprecio da ciencia entre a poboación, dando a coñecer así mesmo os avances acadados en diferentes eidos”. Por último, apuntou que co Premio de Xornalismo se pretende recoñecer a transmisión dos valores da ciencia á sociedade.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.06.2024.