Pasar al contenido principal

A Igrexa da Universidade exhibe os ‘Instrumentos de Visión’ do artista Armin Linke

Armin Linke, esquerda, e Carlos Salgado na Igrexa da Universidade. FOTO: Santi Alvite
Armin Linke, esquerda, e Carlos Salgado na Igrexa da Universidade. FOTO: Santi Alvite
A exposición, organizada polo IGFAE en colaboración co CERN, está comisariada pola compostelá Mónica Bello, directora de Arts at CERN, e poderá verse ata o 28 de agosto

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, abriu este venres na Igrexa da Universidade a exposición ‘Instrumentos de Visión’, do artista Armin Linke, quen cualificou este espazo como unha “escenografía teatral”. O proxecto é froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN. A mostra está comisariada pola compostelá Mónica Bello, directora desde 2015 de Arts at CERN, e permanecerá aberta ata o 28 de agosto.

Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais, como o experimento LHCb do CERN.

O director do IGFAE, Carlos Salgado, lembrou a aposta que o centro leva anos facendo polo diálogo entre arte e ciencia. "Isto xorde da curiosidade propia, do interese que hai pola arte no seo do IGFAE, e por abrir novas canles de comunicación coa sociedade". Tamén lles agradeceu a Mónica Bello e Armin Linke que aceptasen o convite do IGFAE, nun marco excepcional como a Igrexa da Universidade.

Mónica Bello explicou que "estamos habituados a traballar en espazos pouco convencionais para a arte. E agora traemos o laboratorio a unha igrexa barroca, algo que ten un significado especial en Santiago, onde o barroco é moi importante".

Armin Linke afondou no deseño expositivo que concibiu en exclusiva para este proxecto, presentando a Igrexa da Universidade "como un elemento de seu, como unha escenografía teatral", vinculándoa ao obxectivo que se marca cando desenvolve o seu labor en experimentos de física de partículas. "O que me interesa cando entro nun laboratorio é velo como un palco escénico teatral, onde os científicos procuran elementos moi pequenos da natureza", resumiu.

Aparellos para observar
A exposición reflexiona sobre como, nas últimas décadas, a combinación de grandes avances técnicos e achados científicos “revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia”, segundo destaca a comisaria Mónica Bello. Grazas a estes progresos, a comunidade científica desenvolveu complexísimos instrumentos que permiten desvelar o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia.

No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, ‘Instrumentos de Visión’ reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. “Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio”, salienta Mónica Bello.

Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, e na liña de fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, ‘Instrumentos de Visión’ contribúe tamén ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.

Actividades paralelas
Este sábado 22 de xuño, ás 12.00 horas, terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea a conversa ‘A ciencia e a condición contemporánea’, na que participarán Armin Linke, Mónica Bello e Carlos Salgado. Ademais, durante o período de apertura da exposición organizaranse visitas guiadas abertas ao público xeral, ás que se poderá acceder previa inscrición. Estas visitas comezarán o martes 25 de xuño, e continuarán os días 16 e 23 de xullo e 20 e 27 de agosto, en horario de 19.00 a 20.00 horas.

María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, esquerda; Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Carlos Salgado, director do IGFAE; Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC; o artista Armin Linke, a comisaria Mónica Bello e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. FOTO: Manuel Rey
María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, esquerda; Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Carlos Salgado, director do IGFAE; Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC; o artista Armin Linke, a comisaria Mónica Bello e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. FOTO: Manuel Rey
Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.06.2024.