Pasar al contenido principal

Comeza VeránCampUSC coa participación de cincocentas nenas e nenos

Nenos e nenas participando dunha actividade do Verán CampUSC. Foto: Santi Alvite
Nenos e nenas participando dunha actividade do Verán CampUSC. Foto: Santi Alvite
Ao longo do verán a USC pon as súas instalacións a disposición da súa comunidade e da cidadanía compostelá para que as familias poidan conciliar a súa vida laboral

Cun forte compromiso social coa súa comunidade pero tamén coa propia cidadanía, a Universidade de Santiago desenvolve dende hai máis dunha década VeránCampUSC, un programa de conciliación para nenos e nenas nados entre 2011 e 2020, que poderán gozar das instalacións universitarias con actividades lúdicas pero sempre cunha compoñente educativa en valores.

Son cincocentos os rapaces e rapazas que nos meses de xuño, xullo e setembro pasarán polos espazos deportivos e de lecer da Universidade e percorrerán tamén outros lugares da cidade. Todas as sesións do Verán CampUSC, planificadas con criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero, teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira.

O núcleo máis importante de actividades ten unha importante base deportiva, dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais.

Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais ou obradoiros artísticos e potencien as súas aptitudes e capacidades así como xornadas orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas no entorno natural do propio campus e arredores.

O programa está organizado pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela e conta coa colaboración do concello compostelán.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2024.