Pasar al contenido principal

O corpus de documentos latinos da Gallaecia CODOLGA enriquécese coa incorporación de 640 novos textos

Unha traballadora no Arquivo Histórico Universitario. Foto: Santi Alvite
Unha traballadora no Arquivo Histórico Universitario. Foto: Santi Alvite
O proxecto, dirixido polo Catedrático de Filoloxía Latina da USC Xosé Carracedo Fraga, incrementa as posibilidades de busca co recurso Fontes Textuais da Galicia Medieval

O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) acaba de publicar a versión número 20 da súa base de datos textual, na que se engadiron este ano 640 novos documentos. Este proxecto está dirixido polo Catedrático de Filoloxía Latina da USC Xosé Carracedo Fraga e desenvólvese desde hai case 30 anos no marco dun convenio entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A base de datos actualízase anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre o século VI e o século XV, ambos os dous inclusive. O recurso informático no que está dispoñible en aberto esa documentación permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual “unha ferramenta fundamental de busca de información para a docencia e a investigación de diversa índole sobre a Galicia medieval: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica”, segundo lembra o seu director. Nesta nova versión están xa incluídos 20.320 textos documentais.

Nesta ocasión a base de datos incrementou os seus fondos dedicando unha atención especial á edición de documentos do mosteiro de Santa María de Sobrado realizada por María Pardo Ferrín, que achega lecturas para os documentos recollidos nos dous cartularios de Sobrado e que é a única edición existente para numerosos documentos dese mosteiro conservados en pergameos soltos no Arquivo Histórico Nacional de Madrid ou no Arquivo do Reino de Galicia de A Coruña.  Así mesmo incorporáronse documentos conservados nos minutarios notariais de Estevo Pérez do Arquivo da Catedral de Ourense.

O apartado de Fontes e estudos, dedicado a recompilar outros textos latinos medievais importantes pola súa relación coa Galicia medieval ou algúns estudos significativos do ámbito do proxecto, foi este ano enriquecido coa singular Crónica do bispo Paio de Oviedo.

O proxecto CODOLGA forma parte da rede colaborativa que engloba os distintos proxectos da Península Ibérica dedicados a traballar cos textos documentais medievais en lingua latina dos respectivos territorios. Esa rede ten por nome Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP) e está recoñecida polo Ministerio de Ciencia e Innovación como rede de investigación de excelencia. Un froito dese traballo colaborativo é outro recurso que permite consultas e buscas combinadas nos respectivos corpora documentalia.

Ademais, este ano o proxecto CODOLGA puxo tamén en acceso aberto a primeira versión do novo recurso Fontes Textuais da Galicia Medieval, FONTEGAM. Este novo recurso é o resultado da coordinación e colaboración entre CODOLGA e o proxecto Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), dirixido polo profesor de Filoloxía Galega da USC Xavier Varela Barreiro no Instituto da Lingua Galega. O obxectivo é ofrecer unha ferramenta que permite a busca conxunta e combinada de información nos respectivos textos latinos e textos romances sobre calquera momento e lugar de Galicia na Idade Media.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2024.