Pasar al contenido principal

Rubén Lois, novo director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia

Rubén Lois é catedrático de Análise Xeográfica Rexional. Foto: Santi Alvite
Rubén Lois é catedrático de Análise Xeográfica Rexional. Foto: Santi Alvite
Convértese así no primeiro xeógrafo que dirixe este centro

O profesor Rubén Lois será o novo director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). O nomeamento foi proposto por unanimidade pola xunta de goberno do IDEGA despois das eleccións á dirección celebradas a 30 de maio no seo do consello científico do Instituto. Deste xeito, Rubén Lois convértese no primeiro xeógrafo que dirixe este centro que pretende ser a referencia no ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas na USC.

Rubén Camilo Lois González é catedrático de Análise Xeográfica Rexional no Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Grupo de Investigación ANTE. É especialista en Xeografía urbana e cultural, análise turística referida as cidades históricas, itinerarios culturais e rutas de peregrinación.

Na actualidade é vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional (UGI/IGU), membro da xunta directiva da Asociación Española de Xeografía (AGE), responsable de Relacións Internacionais e Institucionais e académico correspondente internacional da Academia Nacional de Xeografía da República Arxentina.

Foi secretario (de 1991 a 1995) e director (dende 1995 a 1999 e de 2017 a 2024) do Departamento de Xeografía da USC. Entre 2003 e 2005 exerceu como decano da Facultade de Xeografía e Historia da mesma universidade, ata que accedeu ao cargo de director xeral de Turismo da Xunta de Galicia (2005-2009). Ademais, foi director do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), organismo de cooperación científica entre as universidades de Galicia e a rexión norte de Portugal (2013-2017).

O Idega
O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) é un centro da USC creado en 1976 co propósito de fomentar a investigación científica de excelencia no ámbito das Ciencias Sociais en Galicia, contribuíndo á xeración de coñecemento sobre a realidade social, económica e territorial de Galicia e á difusión dos resultados da investigación en beneficio de toda a sociedade.

Entre os principais retos da nova dirección figuran de promover un proxecto científico de excelencia que consolide e incremente a posición do IDEGA como centro de referencia internacional nos seus campos de especialización e consolidar o atractivo do instituto como centro formador e como entorno laboral, para captar e reter o mellor persoal investigador.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.11.2024.