Pasar al contenido principal

Conclúe a novena edición do Proxecto Mentoring, unha ferramenta para afrontar os desafíos do mundo laboral

Unha representación das persoas participantes no Proxecto Mentoring na clausura desta edición. FOTO: Santi Alvite
Unha representación das persoas participantes no Proxecto Mentoring na clausura desta edición. FOTO: Santi Alvite
Organizado pola Área de Orientación Laboral, a vicerreitora Pilar Murias subliñou que “pode abrir saídas profesionais que ás veces o estudantado non imaxinaba no seu itinerario formativo”

“Boísimos resultados” están a obterse co Proxecto Mentoring da Área de Orientación Laboral da USC, aseguraba este venres no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, na apertura do acto de clausura da novena edición desta iniciativa que reúne estudantes de último curso ou que acaban rematar un grao ou un mestrado con persoas que exercen o labor de mentoras para facilitarlles apoio na súa integración no mundo profesional e laboral.

Eva Iglesias López, estudante do mestrado en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, falou no acto en representación do estudantado e asegurou que “a pregunta de ‘Que queres ser de maior?’ para min era unha constante sen resposta” e tras rematar o grao “as opcións seguían aumentando” e ao mesmo tempo como estudante “costaba imaxinar o mundo real” do mercado laboral. Entrar no Proxecto Mentoring fixo que “hoxe teño claro, ou case claro, a que me quero dedicar” e cualificou de “experiencia enriquecedora” a súa participación, para “afrontar os desafíos do mundo laboral”. Iglesias non dubidou en cualificar o proxecto como “unha plataforma para descubrirnos a nós mesmos e abrir novos camiños no persoal e no profesional, cos coñecementos e as ferramentas adquiridos nesta etapa”.

En representación das persoas mentoras e colaboradoras neste curso académico falou Marcos Rebollar Buján, xerente en Areté Gestión de Personas, que cualificou o Proxecto Mentoring como “un referente do bo facer da USC”, no que participaron nesta edición 81 estudantes e 108 persoas colaboradoras e mentoras. Para el, unha persoa que exerza de mentora debe saber escoitar, ter paciencia, non xulgar, aceptar as decisións da persoa mentorizada, amosarlle o seu apoio incondicional e tamén ter ética. Para el, o programa é “útil para as persoas que teñan dúbidas e incertezas” e conseguir “ser a mellor versión de ti mesmo, a que ti queres ser”. Nese sentido, valorou que as persoas mentoras “achegan a perspectiva que lles dá anos de experiencia a outras persoas co futuro profesional por diante, as súas experiencias e consellos, algo que botamos en falta nós cando nos graduamos”.

A vicerreitora Pilar Murias clausurou as intervencións poñendo en valor a importancia da Área de Orientación Laboral da USC e lembrou que a maior parte dos graos teñen unha gran transversalidade ante o mercado de traballo, o que presenta “moitos retos, pero tamén posibilidades”, e puxo como exemplo de titulacións en auxe Matemáticas ou Filosofía. Así mesmo, apostou por “formar persoas que teñan capacidade para adaptarse a distintos ámbitos” e salientou que Orientación Laboral “pode abrir saídas profesionais que ás veces o estudantado non imaxinaba no seu itinerario formativo”.

O evento rematou coa interpretación de varias pezas musicais pola Agrupación de Cámara da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, composta por Gonzalo López (violín), Denís Iglesias (clarinete) e Noa Calvo (fagot).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2024.