Pasar al contenido principal

A USC participou en Nantes no conclave entre universidades e cidades organizado por EUniWell

O reitor (terceiro pola dereita) co resto da comitiva compostelá
O reitor (terceiro pola dereita) co resto da comitiva compostelá
O propósito da xuntanza foi o de tecer lazos de colaboración para mellorar o benestar a través da investigación, da educación e do compromiso cívico

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, vén de asistir en Nantes á Asemblea de Reitores e Reitoras que tivo lugar no marco do consorcio europeo de universidades EUniWell (European University for Well-Being) e que coincidiu tamén coa Reunión de Alcalde e Alcaldesas. O reitor estivo acompañado nesa Universidade francesa pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, o coordinador institucional EUniWell, José María Miranda Boto, parte do equipo da Oficina EUniWell da USC e o concelleiro de urbanismo da cidade compostelá, Iago Lestegás.

O evento tiña como finalidade tender pontes entre as sociedades, as políticas públicas e o benestar. Así, durante tres días, diversos representantes das universidades membro de EUniWell e dos seus respectivos concellos colaboraron e deliberaron sobre cuestións significativas para a alianza, como o fomento da innovación, os programas educativos comúns, o aliñamento coa axenda europea de educación superior ou, entre outros temas estratéxicos, a adopción de prácticas sostibles.

Beatrix Busse, directora de Desenvolvemento de EUniWell, destacou o propósito común entre este consorcio de universidades e as cidades: “a nosa axenda común de investigación e educación é crucial para abordar os retos de hoxe e de mañá, o que demostra a forza dos nosos esforzos de colaboración”. “Ao aproveitar os diversos coñecementos e recursos das nosas cidades e institucións estamos ben posicionados para impulsar un cambio impactante e contribuír ao benestar e a sustentabilidade das nosas sociedades. Esta asemblea é un testemuño do noso compromiso compartido e do noso potencial colectivo para converternos nunha voz forte en favor do benestar no Espazo Europeo de Educación", afirmou.

A Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell subliñou a dedicación dos dirixentes de cada universidade membro e o seu compromiso co avance da axenda común en materia de educación, investigación e innovación, destinada a forxar un futuro mellor con máis benestar para todas as persoas. Pola súa banda, a Reunión de Alcaldes de EUniWell serviu para reforzar a relación entre as universidades europeas e as súas comunidades locais. Un encontro destinado a fomentar o intercambio de boas prácticas a nivel local, co benestar nas cidades como tema central. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2024.