Pasar al contenido principal

Alfredo Bermúdez de Castro recibe a medalla da Real Sociedad Matemática Española pola súa traxectoria

Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela é profesor emérito da USC. FOTO: Santi Alvite
Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela é profesor emérito da USC. FOTO: Santi Alvite
Xogou un papel clave no establecemento de centros de investigación como o ITMATI, ou de redes e sociedades españolas como SEMA, SEMNI ou math-in

O profesor emérito da Facultade de Matemáticas da USC Alfredo Bermúdez de Castro foi distinguidos cunha das medallas da Real Sociedad Matemática Española (RSME) de 2024, un galardón co que a sociedade científica “expresa o recoñecemento público da comunidade matemática española a persoas que destacaron polas súas relevantes e continuas achegas nos diferentes ámbitos das matemáticas, como a educación, a investigación, a transferencia e a divulgación, entre outros, ao longo dun amplo período de tempo”. Nesta edición tamén reciben medallas a profesora da Universidade de Sevilla Clara Grima e o profesor da Universidade Autónoma de Madrid Eugenio Hernández.

Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela, actualmente profesor emérito da Universidade de Santiago e investigador vinculado do Citmaga, foi catedrático de Matemática Aplicada na USC, onde desenvolveu, segundo lembra a RSME, “unha brillante traxectoria no ámbito da investigación, en especial no desenvolvemento de métodos numéricos e modelos matemáticos, na docencia e na xestión universitaria e científica”. Licenciado en Matemáticas en 1972 pola USC, obtivo o seu doutoramento 1974 nesta mesma universidade, onde desenvolveu a súa carreira profesional. Catedrático desde 1984, tamén ocupou postos de responsabilidade no ámbito da xestión da USC, sendo vicerreitor de Coordinación e Planificación (1984-1990) e director do departamento de Matemática Aplicada (1993-2004), do que foi fundador.

Así mesmo, salienta a RSME, “xogou un papel clave no establecemento de centros de investigación como o ITMATI, ou de redes e sociedades españolas como SEMA, SEMNI ou math-in. Serviu a Sociedad en numerosas comisións e consellos científicos para entidades públicas e en consellos editoriais de diversas revistas” e destaca por ter un “papel pioneiro indiscutible” na transferencia da universidade á industria no ámbito das matemáticas españolas. Asinou contratos de investigación con importantes empresas do Estado (Inespal, Endesa, Unión Fenosa, Ferroatlántica, Repsol, Reganosa…), dando lugar a traballos matemáticos con variadas aplicacións, como a mellora da xestión de augas residuais, a eficiencia de centrais térmicas, o deseño de altos fornos metalúrxicos ou o deseño de plataformas flotantes, entre outras contribucións”.

Ademais das numerosas publicacións derivadas dos seus traballos, “liderou desde o seu grupo de investigación a creación de software libre de amplo uso na industria e a investigación. Así, “os seus innumerables méritos e contribucións”, subliña a RSME, “convérteno nunha figura clave da matemática galega e española e fano merecedor da Medalla da RSME 2024”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2024.