Pasar al contenido principal

O Grupo Compostela de Universidades desenvolveu a súa XXX asemblea en Perú, por vez primeira en América do Sur

A vicerreitora López Couso fixo a laudatio no recoñecemento ao profesor Villanueva
A vicerreitora López Couso fixo a laudatio no recoñecemento ao profesor Villanueva
No conclave recoñeceuse o labor do profesor emérito da USC Darío Villanueva, baixo cuxo primeiro mandato como reitor tivo lugar a fundación da rede universitaria

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, participou por delegación do reitor na XXX Asemblea do Grupo Compostela de Universidades, que tivo lugar estes días pasados en Lima (Perú) organizada pola Universidade Peruana de Ciencias Aplicadas. Foi esta a primeira vez que a asemblea se celebraba en América do Sur.

Nesta cita anual do grupo, concedéuselle o XXVIII Premio Grupo Compostela de Universidades–Xunta de Galicia ao eminente filólogo italiano Paolo Caucci, catedrático emérito da Universidade de Perugia (Italia), que comezou a súa carreira académica precisamente como lector de italiano na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, no evento recoñeceuse o inxente labor do profesor emérito da USC Darío Villanueva, baixo cuxo primeiro mandato como reitor tivo lugar a fundación da rede universitaria. A vicerreitora López Couso foi a encargada de realizar a laudatio do profesor Villanueva, na que se puxeron de relevo os moitos méritos do homenaxeado e a súa inestimable contribución ao desenvolvemento do Grupo Compostela de Universidades.

O Grupo Compostela de Universidades é a máis antiga das redes universitarias internacionais de carácter global con sede en España. Reúne máis de 60 universidades de todo o mundo co obxectivo común de promover os valores de cooperación, inclusión e solidariedade do Camiño de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2024.