Pasar al contenido principal

O Idega presentou o informe A Economía Galega correspondente ao ano 2023

O volume presentouse na Deputación da Coruña. Foto: deputación da Coruña
O volume presentouse na Deputación da Coruña. Foto: deputación da Coruña
O informe alerta da perda de peso do sector industrial á vez que apunta unha evolución positiva do mercado laboral en Galicia

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) presentou este venres na Coruña o volume A Economía Galega. Informe 2023, un estudo que leva publicando dende o ano 1986, cando analizaba o acontecido no ámbito económico en Galicia en 1985. O acto tivo lugar na Deputación da Coruña e nel participaron o seu presidente, Valentín González Formoso; a profesora da USC Dolores Riveiro, coordinadora do informe xunto co profesor Roberto Bande; o profesor Melchor Fernández; e o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez.

Na presente edición 14 autores e autoras -todos docentes da USC- analizan en profundidade e con rigor en dez capítulos dos que consta o informe o acontecido en 2023 nos distintos sectores da economía galega (agrario, pesca, industria, construción, servizos e turismo) así como no mercado de traballo, o sector público e o sector exterior.

Diminución do peso da industria a pesares das renovables
O estudo foi presentado pola profesora Dolores Riveiro, que advertiu unha diminución continua do peso industrial na economía galega nos últimos anos. Aínda que “a actividade industrial tivo un resultado positivo no 2023”, existe un “estancamento que se traduce na ocupación do sector industrial”, dixo.

“O peso da industria manufactureira mantense no 11,5%, pero observado en perspectiva, o resultado non é tan favorable porque a industria manufactureira segue sen chegar aos valores de principio de século. Naquel momento, a porcentaxe do VEB no PIB era dun 12,7%. Hoxe é menor que noutras comunidades autónomas”, apuntou Riveiro. Para a docente, “o incremento de 2,5% do global industrial vén explicado polo incremento da produción enerxética (do 4,9%), que se fundamenta na produción de renovables. Estas renovables xa supoñen tres cuartos da produción de enerxía en Galicia”.

Deste xeito, Riveiro destacou que “o peso do emprego na industria respecto do total é cada vez menor. Isto ten implicacións para a produtividade media da economía. Porque a produtividade da industria é máis alta e esa necesidade de incrementala é un deses problemas estruturais do mercado de traballo en Galicia”.

O turismo, en auxe e cara á desestacionalización
Caso contrario ao industrial é o do turismo, un sector en auxe cun incremento do 6,6% dos viaxeiros e unha clara tendencia “á desestacionalización”. Así, os ocupados aumentaron en máis dun 15% e o peso da ocupación do turismo con respecto do total é dun 11,3%. Non obstante, Riveiro elevou unha reflexión: “Está aumentando a ocupación do turismo no total de ocupados e está baixando a da industria. Isto merecía ser corrixido ou, a lo menos, levar a cabo unha reflexión”.

No referente ao sector, destacou que o ratio de vivendas de uso turístico “ten unha intensidade moi grande en municipios como Sanxenxo ou O Grove”, pero tamén se atoparon elevados índices “en concellos da Costa do Morte e nalgúns municipios polos que pasa o Camiño de Santiago”.

O mercado de traballo
Pola súa banda, Melchor Rodríguez apuntou que “a evolución do mercado laboral en Galicia foi positiva, mellor que nos últimos dous exercicios”. Sen embargo, destacou que “ten matices vinculados á precariedade”. “Estamos vendo as repercusións dos últimos cambios e vemos un éxito clarísimo sobre un dos marcadores da precariedade, que é a temporalidade. Estamos en mínimos históricos”, engadiu.

Ademais, referido ao mercado de traballo Rodríguez sinalou “Temos un reto coa transición enerxética, outro coa transición dixital e un terceiro que é a transición demográfica”. Para o profesor da USC, “a conxunción destes tres retos vai modificar completamente todas as relacións laborais e temos que estar preparados. Está aí e nun futuro moi próximo”.

En canto á transición demográfica, asegurou que xa é unha realidade que non se está a traducir ao mercado laboral “polo incremento” da inserción laboral de grupos como o feminino. Neste sentido, cómpre destacar que o 70% do incremento da ocupación en Galicia tan só nas últimas tres anualidades corresponde á muller.

No mesmo acto, o presidente da Deputación puxo en valor o documento, “que estudaremos polo miúdo, xa que é unha ferramenta moi relevante para tomar decisións”. Así e todo, avanzou a necesidade que ten Galicia de dar o paso definitivo cara a convertese “nun territorio enerxético” para “deixar de perder peso industrial” e ser “un lugar de futuro e prosperidade”.

Por último, Jesús Méndez, director de Caixa Rural Galega, recoñeceu que “é moi necesaria a reflexión económica que se dá grazas a informes como este”. “Todos sabemos que vai haber cambios. Desta vez, estamos avisados”, aseverou.

A Economía Galega
A publicación A Economía Galega, referente dos informes sobre o ámbito económico en Galicia, é unha ferramenta esencial para persoal investigador, responsables das Administracións Públicas, empresas e toda persoa interesada en comprender a dinámica económica da comunidade autónoma galega.

A publicación deste informe contribúe de forma destacada ao compromiso do Idega no ámbito da transferencia de coñecemento, trasladando á sociedade información rigorosa e avalada pola traxectoria científica das persoas autoras do traballo.

A Deputación da Coruña e  Caixa Rural Galega colaboran na publicación deste informe anual a través dun convenio coa USC.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2024.