Pasar al contenido principal

A Sociedade de Humanidades Dixitais Hispánicas recoñece dúas iniciativas da USC na sexta edición dos seus premios

Fotograma do proxecto ‘Galiverso. O vello Portomarín’
Fotograma do proxecto ‘Galiverso. O vello Portomarín’
Trátase do proxecto ‘Portomarín virtual’ e do Mestrado Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital das Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña

A Sociedade de Humanidades Dixitais Hispánicas, que preside a profesora do Departamento de Historia da Arte da USC Fátima Díez Platas, vén de recoñecer dúas iniciativas da institución compostelá na sexa edición dos seus premios.

En concreto, o xurado composto por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito das Humanidades Dixitais decidiu premiar na categoría de mellor ferramenta, recurso ou infraestrutura desenvolvida en 2023 o proxecto ‘Portomarín virtual’ liderado por profesores do Departamento de Historia da Arte da USC. Así mesmo, como mellor iniciativa formativa elixiu o Mestrado Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital das Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña.

Portomarín Virtual
‘Galiverso. O vello Portomarín’ é unha viaxe ao pasado que permite camiñar polas rúas da antiga vila luguesa, tal como era antes de ser anegada pola construción do encoro de Belesar en 1963. A reconstrución do vello Portomarín partiu dun amplo e rigoroso traballo documental a partir das gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, planos e cartografías antigas, e as máis de 40.000 fotografías que atesoura José López, de Foto Pereira Portomarín. Desde o momento no que se coñeceu a noticia da construción da presa, este veciño e fotógrafo decidiu inmortalizar casa por casa a vella vila, para ter o recordo de cada unha delas.

Con esta base, un equipo multidisciplinar de expertos galegos en patrimonio, arte dixital, historia e programación foi quen de recuperar a memoria do vello Portomarín para que calquera persoa poida coñecelo a través das lentes de realidade virtual. Os profesores de historia da arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, director do estudo dixital Maxina forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso.

Mestrado
O patrimonio e a cultura, nun sentido amplo, son dous dos elementos definitorios de Galicia e da Euro-rexión Suroeste europea. De acordo co seu impacto social, o valor dos recursos patrimoniais e culturais enténdese en primeiro lugar como un factor para promover a educación e a integración social nas respectivas comunidades. Este é un dos eixos arredor do que se estrutura este mestrado interuniversitario de dous anos de duración.

Segundo explican os coordinadores - Xosé Manoel Sánchez Sánchez é o coordinador da USC-,dentro do proceso de cambio derivado da transición ecolóxica e dixital en que nos atopamos, o patrimonio e a cultura veñen actuando como eixos chave para a diferenciación e incremento de valor engadido de sectores e industrias como o turismo, as industrias culturais e mesmo os videoxogos, entre outros, cunha forte taxa de crecemento actual e expectativa futura. En todos eles o patrimonio cultural dixital supón un substrato único con capacidade de atracción de novo talento e retención do capital humano do euro-rexión, clave no desenvolvemento futuro. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2024.