Un estudo avalía as accións a prol da igualdade nas universidades de España e reclama máis medidas no eido STEM
Unha enquisa realizada entre as unidades que integran a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU) evidencia que, aínda que nos últimos anos se levaron a cabo distintas reformas lexislativas, queda ampla marxe de mellora para lograr a igualdade no ámbito STEM, o relativo á ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Esta é unha das conclusións da investigación desenvolvida pola profesora da Facultade de Física da USC, Encina Calvo Iglesias, quen asina xunto a Irene Epifanio, da Universitat Jaume I, o estudo titulado ‘Acciones para la igualdad de género en las áreas científico-técnicas de las universidades españolas’, galardoado co terceiro premio na modalidade de proxectos de investigación dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero que cada ano outorga a USC.
O traballo de Calvo Iglesias e Epifanio analiza as accións levadas a cabo nas universidades españolas para alcanzar a igualdade de xénero nas disciplinas científico-técnicas, “onde as mulleres seguen estando infrarrepresentadas e existe unha baixa transversalización da perspectiva de xénero que pode afectar á investigación e á innovación”, afirman. Para realizar un diagnóstico da situación elaborouse unha enquisa dirixida ás unidades da RUIXEU formada por trece preguntas relativas ás accións para favorecer o acceso e permanencia das mulleres nas áreas PECS (Physics, Engineering, Computer, Science), o recoñecemento de traballos de estudantes realizados con perspectiva de xénero, a valoración da docencia e investigación con perspectiva de xénero, a visibilización e recoñecemento de investigadoras e as accións para a igualdade efectiva.
A enquisa era anónima e foi respondida por 28 unidades. “Das respostas obtidas podemos extraer unha baixa implicación das universidades para impulsar a igualdade neste ámbito”, sinalan as investigadoras. Ademais, a análise de arquetipos mostra que só cinco das universidades que participaron neste estudo están comprometidas coa igualdade no ámbito científico-técnico e levan a cabo accións para conseguilo. “Estes resultados poñen de manifesto, por unha banda, que é posible implementar accións para a igualdade neste ámbito e, doutra banda, que é precisa a colaboración doutras institucións para impulsar a igualdade en todas as universidades”, subliñan.
Así por exemplo, o 54% das respostas evidencian a carencia de programas ou iniciativas por parte das universidades para achegar as carreiras STEM ás nenas de primaria. “Queremos destacar que non chega con ter unha unidade de igualdade de xénero, senón que é necesario dotala cos medios necesarios, tanto nos recursos humanos como económicos, darlles visibilidade ás accións e secundalas sen resistencias”, sinalan. A investigación tamén destaca a necesidade de dar pulo aos doutoramentos honoris causa de mulleres e combater o acoso coas mesmas medidas en todo o sistema universitario.
Do estudo tamén se desprende, como resaltan recentes investigacións, que “é fundamental coñecer cales son as motivacións dos homes para converterse en aliados e planificar estratexias para involucralos en cuestións de equidade, mostrándolles que os seus esforzos son importantes”.
Impulsar a coeducación en matemáticas nos temas de didáctica das matemáticas en titulacións de Ciencias da Educación é outro dos retos formulados polo estudo, xunto con promover accións positivas para favorecer a permanencia de mulleres en etapas pre e postdoutorais en áreas PECS e favorecer a incorporación de mulleres nos graos dese ámbito. De feito, o 50% das respostas apuntan á carencia de medidas neste último punto. O estudo aborda tamén a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero en premios a traballos fin de grao e fin de mestrado, así como en premios extraordinarios de doutoramento, entre outras recomendacións.