Pasar al contenido principal

A USC convoca 12 axudas de estudo para persoas procedentes de zonas en conflito

Vista xeral dun barrio na franxa de Gaza en outubro de 2023. Foto: WAFA
Vista xeral dun barrio na franxa de Gaza en outubro de 2023. Foto: WAFA
Delas resérvanse 5 para solicitantes de Palestina e 4 de Ucraína, que poderán cursar na USC graos, mestrados ou programas de doutoramento

A Universidade de Santiago vén de abrir o prazo da convocatoria de axudas para persoas procedentes de zonas en conflito para realizar estudos de grao, mestrado ou doutoramento na institución compostelá no curso 2024-2025.

Á vista da grave situación existente en territorio palestino e en atención ao acordado na Comisión para o desenvolvemento de accións a prol da comunidade universitaria de Palestina, para o curso 2024-2025 o número de axudas increméntase a 12, co establecemento dunha cota específica de 5 prazas para estudantado procedente de Palestina, ás que se suman 4 para solicitantes de Ucraína. As axudas que non sexan adxudicadas nesta cota pasarán á xeral.

Tal e como manifesta a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, “na Universidade de Santiago temos unha gran sensibilidade polas persoas que forzosamente atravesan conflitos bélicos, algo que materializamos dende hai case unha década nestas axudas, que ademais foron mellorando tanto en número como nas condicións de acceso”. “Os últimos acontecementos en territorio palestino teñen reforzado se cabe aínda máis o noso compromiso en materia de cooperación internacional, de aí que este ano haxa unha oferta especial de prazas para o estudantado dese territorio”, explica.

As axudas, cuxo prazo de solicitude remata o 7 de agosto, terán unha duración máxima de 12 meses consecutivos (dende o 1 de setembro de 2024 ata o 31 de agosto de 2025) e incluirán a cobertura da matrícula no título oficial que veña cursar, unha praza de aloxamento no Servizo Universitario de Residencias, 400 euros mensuais para gastos de manutención e a matrícula en dous cursos semestrais de español ou galego no Centro de Linguas Modernas da USC

Este programa naceu no curso 2016-2017 na Universidade de Santiago, conforme a un acordo da CRUE para facilitar a recepción e acollida de estudantado universitario refuxiado. Nese ano académico ofertáronse dúas prazas para a continuación na USC de estudos de grao, mestrado ou doutoramento e dende entón se veñen convocando de xeito ininterrompido. Xa no curso 2022-2023, coa estreita colaboración do seu Consello Social, a USC incrementou significativamente o número de axudas e ampliou o alcance do programa a estudantes con estatuto de protección temporal ou procedentes de países en conflito ou situados en áreas de conflito, dada a situación de guerra existente en Ucraína dende febreiro de 2022.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas que sexan orixinarias dun país de fóra da Unión Europea e non posúan dobre nacionalidade con algún país membro e que posúan ou ben o estatuto de refuxiado/a en España, o de protección temporal en España, a acreditación da condición de refuxiado/a por parte da ACNUR ou da UNRWA ou ben acreditar a procedencia de zonas en conflito.

Así mesmo, deberanse posuír os coñecementos lingüísticos axeitados para poder seguir os estudos desexados. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.07.2024.